RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez: Estamos cunha motivación absoluta para poder conseguir 3 puntos

Imanol Idiakez asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "o gusanillo sempre está. Cando te pos a camiseta do Deportivo e xogas en calquera campo, e máis en ABANCA-RIAZOR sempre está. Cando tes a afección que tes, cando se venden todas as entradas, cando se nos acaban os cualificativos para dar as grazas polo apoio claro que está o gusanillo. É un partido de moitísima importancia, sabémolo. Estamos cunha motivación absoluta para poder conseguir 3 puntos que serían, co pouco que queda, un paso moi importante".

Valorou así mesmo a xeira do Dépor nesta segunda volta, con 12 partidos gañados e 2 empatados: "Doulle moito mérito, dígollo aos xogadores porque cando na primeira volta faciamos cousas parecidas e non saían, lamentabámonos e todos estabamos amolados. E agora nesta dinámica hai que ser conscientes do mérito que ten. É moi difícil porque cada partido ten trampas, cada rival ten trampas, pasan moitísimas cousas no fútbol e evidentemente é mérito do traballo que están a facer os xogadores".

Preguntado polo ex fabrilista Diego Rivas, esta temporada preparador de porteiros do CD Arenteiro e o domingo (19:00, TVG-2 e FEF TV) baixo os paus da portería ourensá en ABANCA-RIAZOR por lesión de dous dos seus gardametas, o técnico deportivista advirte que "vai haber un porteiro na portería de en fronte o domingo e eu preparo o partido coa normalidade de que vai haber un porteiro e 10 xogadores de campo. Xogo contra un moi bo equipo, que está a facer unha grandísima temporada. É para felicitarlles o que están a facer porque ten moitísimo mérito. Nese aspecto para min non cambia nada, absolutamente nada. Van ter un porteiro dunha carreira moi respectable e non teño dúbidas de que vai dar o nivel".

Conta ademais que sendo adestrador da AEK Larnaka de Chipre "lesionóusenos o porteiro e fichamos a Juan Pablo Colinas, que levaba naquel momento 7, 8 meses en paro porque se retirou. Non atopara equipo e estaba a facer medias maratóns. Veu, adestrou unha semana e xogou. E estaba perfectamente en forma".

Finalmente, e pechando nesta ocasión a xornada no grupo 1º de Primera Federación, Imanol Idiakez apunta que "pase o que pase o sábado nós o domingo imos ter que facer o mesmo, que é tentar gañar e dalo todo para gañar. Non sei se verei os partidos, seguramente algún verei porque con este tempo tocará quedarnos en casa. Pero dános igual. Nós estamos centrados no noso partido. Se facemos o noso traballo sabemos cal é o resultado final e temos que pór os 5 sentidos absolutamente no noso partido, que é onde podemos intervir e onde realmente temos a chave de todo o que pase".