RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A Fundación Loyola e o Dépor recibiron os 10.000 euros da III Champions for Life

A sala de bandeiras de LaLiga acolleu este mediodía a entrega dos fondos recadados na terceira edición de Champions for Life, que tivo lugar o pasado 29 de decembro no estadio Benito Villamarín cun partido entre a selección andaluza e unha selección de LaLiga. Naquel encontro participou, representando ao Deportivo, Raúl Albentosa.

No acto repartiuse a recadación entre os proxectos que varios clubs presentaron para ser beneficiarios desta axuda. E aí o Deportivo tivo presenza a través da súa área social, dirixida por Martín Pita e Gelines Romero. Entre os proxectos seleccionados que resultaron máis acordes coa finalidade humanitaria perseguida, referida a necesidades básicas da infancia e supervivencia infantil, atópase o presentado polo Dépor: o proxecto 'Sementes de Amanhã'. A entidade beneficiaria é a Fundación Loyola Galicia, e o colectivo ao que se dirixe 70 nenos orfos (de maneira directa) e 500 indirectamente a través dun programa de alimentación de aldeas en Ulongüe, distrito de Tsangano, Tete, Mozambique.

No acto de entrega dos 10.000 euros, ademais dos responsables da área social do Deportivo, estivo Susana Vázquez, representante da Fundación Loyola Galicia. Xunto a eles Juan José Hidalgo (presidente da Fundación de LaLiga), Carmelo Angulo (presidente de UNICEF Comité Español), Javier Tebas (presidente de LaLiga) e representantes do resto de clubs e entidades benéficas que, cos seus proxectos, foron merecedores desta axuda.

Durante a súa intervención, Martín Pita, que felicitou a todos os clubs e organizacións presentes por "instrumentar o fútbol como vehículo de cooperación e transformación social", quixo destacar que o Deportivo "é sen dúbida a institución da cidade da Coruña, probablemente de Galicia, con máis seguimento mediático", o que supón "unha grande responsabilidade".

"En 2015 mostramos un firme crecemento sostido da nosa actividade principal como entidade, ademais de como Club socialmente responsable. Por esa razón formalizamos o noso compromiso creando un departamento especifico de Responsabilidade Social Corporativa, dentro da área social, co fin de englobar todos os nosos esforzos baixo un mesmo prisma de actuación que tivo como resultado final a presentación da nosa primeira Memoria de Sustentabilidade", lembrou Pita na súa alocución.

O conselleiro deportivista comentou como se xestou o proxecto gañador. "Cando a Fundación da Liga realizou, un ano máis, o chamamento a todos os clubs para participar en Champions for Life nós tivémolo claro como parte do noso ADN, e así a nosa alianza coa Fundación Loyola e o colexio Santa María del Mar fraguada sobre a base dos valores, a educación e solidariedade, daría a luz un proxecto tan inspirador como é 'Sementes de Amanhã'".

Pita destacou, por último, que "esta importante axuda proporcionará a todos eses nenos e nenas valiosos recursos que marcan unha diferenza nas súas vidas".

Pola súa banda, Susana Vázquez agradeceu a axuda a todos os presentes e lembrou que 'Sementes de Amanhã' axudará "ao mantemento e mellora das sete casas de orfos, o colectivo infantil máis vulnerable nesta parte de África", ademais de ir orientado "a garantir dous dos dereitos humanos básicos para o desenvolvemento humano que son o dereito á seguridade alimentaria e o dereito á educación inclusiva".

Despois de dar as grazas en nome dos colectivos favorecidos por esta axuda, Vázquez desvelou que as súas alumnas e alumnos de 12 anos no colexio Santa dixéronlle: "Profe, estamos orgullosos do noso cole e do noso equipo. Non te esquezas de dicir: Viva o Depor e vivan os nosos amigos da ESIL!".

Un proxecto presentado polo RC Deportivo, entre os beneficiarios da recadación de 'Champions for Life'