RCD / NOVAS

Álex Bergantiños prolonga o seu compromiso co Deportivo

05/10/2020 19:05

Alejandro Bergantiños García (A Coruña, 7 de xuño de 1985) renovou o seu compromiso co deportivismo, ao prolongar o seu contrato dúas temporadas máis.

Con 254 aparicións coa camiseta branquiazul, Álex é o 26º xogador con máis partidos oficiais na historia do Club, empatado con Diego Tristán e moi preto de Pedrito (262), Djukić (271), Ballesta (278), Alfonso Castro (280) e Naybet (284).

Pasaron pouco máis de 9 anos do seu tardío debut co primeiro equipo deportivista, pois antes de dar o salto foi cedido a Xerez durante dúas campañas, mentres que noutra máis estivo a préstamo na Granada e o Gimnàstic de Tarragona. Álex estreouse co Dépor con 26 anos, o 27 de agosto de 2011, en partido de Segunda División en Riazor ante o Recreativo de Huelva (1-0).

A pesar das habituais cesións, Álex pertence á disciplina deportivista desde que ingresou no Club sendo xuvenil, en 2002. Desde a súa chegada procedente do Imperátor, Álex está a comezar a súa 19ª temporada como futbolista branquiazul.

Álex sempre demostrou ser un exemplo de responsabilidade fóra do campo e de compromiso e limpeza dentro del. Isto último demóstrao o feito de que nos seus máis de 400 partidos no fútbol profesional nunca viu unha cartolina vermella.

Máis novas de: ÁLEX