RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Derik Osede, novo xogador do Dépor 20·21

Derik Osede Prieto (Madrid, 21 de febreiro de 1993) será xogador do RC Deportivo para a Temporada 2020-2021.

Central formado na canteira do Real Madrid, club ao que pertenceu entre 2002 e 2015, as dúas últimas temporadas militou no CD Numancia.

Derik, de nai española e pai nixeriano, foi internacional español en todas as categorías, desde a selección sub-16 até a sub-21, nun total de 27 encontros. No ano 2012 formou parte do combinado sub-19 que se proclamou campión de Europa en Estonia, nun equipo no que actuaban Jesé Rodríguez, Paco Alcácer, José Campaña, Denis Suárez ou Gerard Deulofeu e no que compartía titularidade no centro da zaga con Jonás Ramalho. Con ese mesmo equipo xogou ao ano seguinte o Mundial sub-20 de Turquía, no que España caeu ante Uruguai en cuartos de final. En cada un deses torneos, Derik marcou un gol.

A nivel de clubs, a súa carreira dividiuse en tres bloques. En primeiro lugar, o seu paso polo seu equipo formativo, co que xogou en Terceira e Segunda B nas filas do Real Madrid C e en Segunda e Segunda B defendendo ao Real Madrid Castilla. Co primeiro equipo foi convocado nunha ocasión en partido oficial, precisamente contra o seu novo equipo. O 14 de febreiro de 2015 estivo no banco no choque ligueiro entre Real Madrid e Deportivo (2-0) no Santiago Bernabéu. Carlo Ancelotti era o adestrador branco.

Ao acabar contrato no verán de 2015, Derik foise a Inglaterra, para asinar polo Bolton Wanderers FC da segunda categoría. En tres temporadas, nas que participou en 65 partidos, viviu un descenso á terceira división e o retorno inmediato ao segundo nivel. Despois de acabar a súa vinculación, asinou como axente libre polo CD Numancia en novembro de 2018. En Soria xogou as dúas últimas campañas na categoría de prata.

No fútbol español, Derik acumula unha experiencia de 65 partidos (3 goles) en Segunda División e de 37 encontros (sen goles) en Segunda División B.