RCD / NOVAS

Diego Aguirre, novo xogador do Dépor 2021-2022

08/06/2021 16:59

Diego Aguirre Parra (Toledo, 17 de outubro de 1990) converteuse en novo xogador do Real Club Deportivo para a próxima campaña despois de finalizar o seu contrato co CD Numancia.

Formado no conxunto da súa cidade natal, o extremo manchego tamén deu o salto ao fútbol profesional nas filas do CD Toledo. Despois de dúas temporadas no filial toledano, debutou co primeiro equipo no curso 2011-2012, en Segunda División B. Xogou tres campañas no CD Toledo, dúas en Segunda División B (58 partidos e 7 goles) e unha en Terceira.

A súa boa última temporada, na que chegou a xogar o playoff de ascenso a Segunda División no que o CD Toledo foi eliminado polo Lleida Esportiu, atraeu o interese do Rayo Vallecano, que o fichou no verán de 2014. A partir de entón, Diego Aguirre xogou cinco temporadas consecutivas en Segunda División: as dúas primeiras cedido no CD Leganés (36 partidos e 2 goles) e o Real Oviedo (24 partidos), as dous seguintes co cadro vallecano (37 partidos e 3 goles) e a última, a 2018-2019, no Real Zaragoza (20 partidos), ao que xa se incorporou en propiedade cun contrato de tres anos.

Con todo, despois dunha soa temporada foi traspasado ao Apollon Limassol. Na formación chipriota militou durante dous cursos (25 partidos e 1 gol) nos que ademais puido debutar en competición europea, xogando 11 encontros na Europa League. O pasado verán incorporouse ao CD Numancia, no que actuou a pasada campaña en Segunda B, unha categoría na que totaliza 70 partidos, aos que hai que sumar os 117 que acumulou na categoría de prata máis os 25 no campionato chipriota e os 11 na Europa League.

Máis novas de: DIEGO AGUIRRE