RCD / NOVAS

Escrito ao Consello Superior de Deportes

07/08/2020 12:15

O Real Club Deportivo de La Coruña, SAD e o Club Deportivo Numancia de Soria, SAD presentaron no día de hoxe, 7 de agosto de 2020, senllos escritos ao Consello Superior de Deportes nos que se solicita:

A apertura urxente dun expediente disciplinario ao Presidente de LaLiga D. Javier Tebas Medrano polas reincidentes infraccións moi graves cometidas, especialmente, desde o día 20 de xullo de 2020 até o día de hoxe.

As principais infraccións que se describen nos escritos presentados son as seguintes:

1.- Responsabilidade polo desprazamento do CF Fuenlabrada, SAD á cidade da Coruña.
2.- Abuso de autoridade por non suspensión de toda a xornada 42 de LaLiga Smartbank, e decidir a celebración illada do partido Real Club Deportivo – CF Fuenlabrada, fóra do horario unificado fixado para a competición pola Circular 93 da RFEF.
3.- Incumprimento da normativa en materia de conflitos de interese pola relación de D. Javier Tebas Medrano co CF Fuenlabrada, SAD.
4.- Incumprimento dos Estatutos Sociais de LaLiga ao impor a presenza física para a reunión da Comisión Delegada do 6 de agosto de 2020.
5.- Incumprimento do protocolo COVID-19.
6.- Incumprimento dun dos requisitos para ser presidente da liga Nacional de Fútbol Profesional, pola súa relación directa e indirecta co CF Fuenlabrada, SAD.
7.- Abuso de autoridade ao manifestarse publicamente contra a liga de 24, sen consultar cos órganos de LaLiga.
8.- Incumprimento unilateral dos acordos co Consello Superior de Deportes.
9.- Actuación neglixente na concesión ao Elche Club de Fútbol, SAD dun posto de play off e todas as consecuencias posteriores.

Igualmente, ambos os clubs solicitaron a suspensión inmediata de forma cautelar e provisional de D. Javier Tebas Meddrano no exercicio das súas funcións, ao estar a ocasionar uns graves danos e prexuízos a LALIGA e aos CLUBS que a conforman.

Estes danos e prexuízos que se incrementan día a día son de difícil reparación e están a ter moi efectos negativos na industria do fútbol tanto a nivel nacional como internacional.

Esperamos que o CONSELLO SUPERIOR DE DEPORTES, como máximo organismo do deporte en España, adopte as medidas disciplinarias oportunas coa maior celeridade posible contra D. Javier Tebas Medrano.