RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fran e Valerón regresan ao Dépor como director de canteira e adestrador do Fabril, respectivamente

Fran e Valerón, dúas lendas do Deportivo nos terreos de xogo, regresan á que sempre será a súa casa para ocuparse de dous postos clave en #anosacanteira: a dirección de fútbol formativo e a dirección técnica do Fabril.

Francisco Javier González Pérez (Carreira-Riveira, A Coruña, 14 de xullo de 1969) é un dos 3 únicos futbolistas que vestiu a camiseta do Deportivo en 18 temporadas, aínda que a súa aparición na primeira delas foi case testemuñal cando aínda era futbolista do Fabril.

Si é o único dos 3 que só defendeu, a nivel de clubs profesionais, a elástica branquiazul, posto que Manuel Pablo xogara previamente coa UD Las Palmas e Juan Acuña fíxoo, ao longo do seu último curso en activo, co CD Xuvenil na súa única campaña en Segunda División.

Fran é o xogador que máis encontros oficiais xogou na historia do RC Deportivo (700) e un do tres, xunto a Donato e Mauro Silva, que conquistou os 6 títulos oficiais que locen nas vitrinas do Club: a liga de 2000, as Copas do Rei de 1995 e 2002 e as 3 Supercopas de España correspondentes. Nesta última competición é o único deportivista que xogou os 6 partidos das 3 edicións disputadas (e gañadas) polo equipo branquiazul.

O riveirense lidera varios apartados históricos na estatística branquiazul, como o número de partidos xogados en Primeira División (435), o de encontros de Copa (74), o de choques de Liga de Campións (66, igualado con Valerón), e o de duelos en Copa da UEFA (17, empatado con Donato).

O seu rexistro goleador alcanzou as 63 dianas, 44 delas na máxima categoría do fútbol español. Co Deportivo, soamente Bebeto, Makaay, Tristán e Pahíño marcaron máis tantos que el en Primeira División.

Internacional absoluto con España en 16 ocasións, nas que sumou 2 goles, o único gran torneo ao que foi convocado foi a Eurocopa 2000.

Após colgar as botas no Dépor, único club da súa carreira, traballou durante dúas temporadas no fútbol formativo do Manchester City.

Juan Carlos Valerón Santana (Arguineguín, As Palmas, 17 de xuño de 1975) foi futbolista do RC Deportivo durante 13 temporadas, cifra só superada por Fran, Manuel Pablo, Acuña (18), Chacho (15) e Jorge (14) e que o iguala con Pedrito, Guimeráns e Mauro Silva.

Valerón vestiu a elástica branquiazul entre 2000 e 2013, sendo parte importante do equipo en 3 dos seus 6 títulos oficiais, a Copa do Rei de 2002 e as Supercopas de España de 2000 e 2002. En total, o canario defendeu a camiseta deportivista en 422 encontros oficiais, un número que o sitúa no cuarto posto desta clasificación histórica, unicamente por detrás de Fran, Manuel Pablo e Mauro Silva. Un total de 289 partidos convérteno no sexto deportivista con máis aparicións da historia en Primeira División.

Autor de 32 goles, das súas botas saíron infinidade de asistencias (máis de 50 en Liga, ademais de 7 en Liga de Campións, marca compartida con Víctor). Tamén ostenta outra plusmarca branquiazul, ao ser o futbolista que máis partidos disputou en competicións europeas (66), igualado con Fran. Deses 66 encontros, 48 foron na máxima competición continental, na que só Scaloni e Romero xogaron máis choques que el.

Ademais, Valerón foi 46 veces internacional absoluto, sendo 32 delas como xogador do Deportivo, e marcando 5 goles, todos como deportivista. Pertencendo ao Dépor defendeu á selección española no Mundial 2002 e a Eurocopa 2004. Con anterioridade proclamouse campión de Europa Sub-21, en 1998, xunto a outros exdeportivistas como Víctor, Iván Pérez e Marcos Vales.

Pola súa banda, Juan Carlos Valerón, exerceu varios cargos técnicos na canteira da UD Las Palmas, chegando a ser segundo adestrador do primeiro equipo amarelo.