RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Keko Gontán seguirá no Dépor tres temporadas máis

Sergio Gontán Gallardo 'Keko' (Brunete, Madrid, 27 de decembro de 1991) continuará no RC Deportivo catro temporadas máis, até xuño de 2024.

Keko chegou á Coruña durante o pasado mercado de inverno, procedente do Málaga CF. Desde a súa chegada ao Deportivo participou en 7 encontros, os mesmos que disputara co equipo andaluz na primeira metade do curso.

Extremo formado na canteira do Atlético de Madrid, chegou a debutar co primeiro equipo colchoneiro na Temporada 2008-2009. Posteriormente foi cedido ao Real Valladolid (Primeira División), FC Cartagena e Girona FC (ambos en Segunda), antes de ser traspasado ao Calcio Catania, co que xogou 3 campañas na Serie A italiana, cunha curta cesión ao US Grosseto, da Serie B, entre medias.

Tralo descenso do equipo siciliano en 2014, regresou a España para asinar co Albacete Balompié, no que se destapou con 36 partidos e 6 goles, o que lle valeu o regreso á máxima categoría, pois a SD Eibar fíxose cos seus servizos no verán de 2015. No club de Ipurua disputou 32 encontros e marcou 3 tantos, antes de asinar co Málaga CF, co que xogou 43 partidos en 2 campañas máis en Primeira División.

Despois do descenso do cadro andaluz, no curso 2018-2019 foi cedido ao Real Valladolid, recentemente ascendido á máxima categoría. Co cadro branquivioleta xogou 29 partidos, nos que anotou 2 goles, antes de regresar a La Rosaleda, onde cumpriu a primeira metade da pasada temporada.

Durante a súa formación, Keko acumulou 28 internacionalidades e 9 goles coas seleccións españolas sub-16, sub-17, sub-18 e sub-19. Ademais, coa sub-17 proclamouse campión de Europa en 2008, sendo un dos goleadores na final ante Francia (4-0), nun equipo no que formaban xogadores como Thiago Alcântara, Oriol Romeu, Martín Montoya ou Sergio Canales.