RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lapeña, novo xogador do Dépor 2021-2022

Adrián Lapeña Ruiz (Logroño, 16 de abril de 1996) converteuse en novo xogador do Real Club Deportivo para as dúas próximas temporadas.

Formado na Pena Balsamaiso CF e no Valvanera CD, equipo do que no seu día o RC Deportivo fichou a Mujaid Sadick, Lapeña foi recrutado pola Real Sociedad en idade cadete. Até entón centrocampista, en Zubieta atrasou a súa posición á de defensa central na que se desenvolve actualmente.

Despois de formar parte do conxunto txuri-urdin que alcanzou a final da Copa de Campións de División de Honra xuvenil en 2014 e perdeu por penaltis contra o Real Madrid, Lapeña deu o salto ao filial realista. Alí permaneceu durante catro temporadas, todas en Segunda B, nas que acumulou 111 partidos e 6 goles. Co Sanse chegou a disputar unha fase de ascenso a Segunda, no curso 2017-2018, na que o cadro donostiarra caeu eliminado na primeira rolda polo CF Fuenlabrada.

No verán de 2019 rescindiu contrato coa Real Sociedad e asinou co KAS Eupen belga. Pronto regresou a España, xa que no mercado de inverno do curso 2019-2020 incorporouse ao CD Castellón, co que logrou o ascenso a Segunda, participando en 7 partidos, sendo titular nos 3 do playoff, e anotando 2 tantos.

O pasado curso continuou no equipo blanquinegro, co que disputou 31 encontros na categoría de prata, nos que asinou 2 goles.