RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lara dá ao Dépor a terceira vitoria (1-0)

O Deportivo logrou o seu terceiro triunfo en catro xornadas, ante o Coruxo FC en ABANCA-RIAZOR, nun partido decidido por un solitario gol de Lara nos mellores minutos dos branquiazuis, nos compases iniciais da segunda metade.

Fernando Vázquez, técnico deportivista, realizou unha soa modificación no seu once inicial con respecto á visita ao Unionistas de Salamanca a pasada semana. O lesionado Derik deixou o seu sitio a Uche Agbo. Deste xeito, o nixeriano ocupou un lugar na medular, atrasando a súa posición Álex Bergantiños para actuar como defensa central.

A primeira metade tivo un dominador único no Dépor, pero as súas longas posesións apenas xeraron perigo. O Coruxo FC tentou sorprender ao contragolpe, pero tampouco gozou de oportunidades claras para perforar a meta coruñesa.

Despois de varios achegamentos branquiazuis sen chegar a rematar a porta, o primeiro disparo fíxoo o conxunto vigués, preto do cuarto de hora de xogo, por medio de Mateo. O tiro lonxano, buscando colocar a pelota no pau máis afastado, foise fóra por pouco pero xa estaba alí Carlos Abad para cubrir a portería. Á media hora, Antón de Vicente recuperou unha pelota, viu adiantado ao porteiro deportivista e tentou sorprendelo desde 40 metros co mesmo resultado.

O Deportivo empezou a poñer a proba a portería visitante no tramo final do primeiro acto. Borges tentouno desde fóra da área pero o seu disparo rozou nun defensa e chegou mansamente a mans de Alberto. Keko estivo a piques de bater ao porteiro olívico nunha falta directa escorada. Alberto despexou como puido e Álex cabeceou o rexeite a mans do gardameta. A piques de chegar ao descanso, Lara non chegou a remachar por moi pouco un centro raso de Valín que deixou pasar entre as súas pernas Beauvue.

A segunda metade arrancou cun Deportivo moito máis preciso nos seus ataques. Aos dous minutos, o colexiado, a instancias do seu asistente, anulou unha acción de Lara por fóra de xogo inexistente, de longo, cando o sevillano lle gañou as costas ao seu marcador e íase só cara á portería rival.

Ao dez minutos, o propio Lara marcou o gol que decidiu o partido. Keko internouse desde a dereita en diagonal, cedeu ao centro para Borges que seguiu abrindo cara á esquerda. O pase do costarriqueño deixouno pasar Beauvue entre as súas pernas para que chegase á Lara dentro da área. Cara a cara con Antón de Vicente, recortouno cara a dentro e disparou duro por baixo ao pau contrario, lonxe do alcance de Alberto.

O conxunto visitante foise arriba con todo e nos seguintes minutos probouno cun disparo lonxano de Mateo, frouxo e ás mans de Carlos Abad. Pouco despois, o gardameta deportivista sacou a córner unha cabezada de socato de Andriu a unha falta lateral colgada por Antón de Vicente. Superado ese arreón, o Deportivo empezou a xerar ocasións claras para sentenciar o encontro. En primeiro lugar, os branquiazuis gozaron dunha tripla ocasión, xurdida dunha veloz internada de Borja Galán. O primeiro disparo do madrileño desbaratouno Alberto cun paradón. O rexeite caeu a Keko, cuxo lanzamento se estrelou nun defensa, caendo o balón de novo a pés de Borja Galán, que disparou alto.

Na seguinte acción tivo o Coruxo FC a mellor oportunidade para empatar. Un centro desde a esquerda atopou a Jairo completamente só ás portas da área pequena. A cabezada con todo a favor do dianteiro visitante marchouse lambendo o traveseiro.

A partir de aí, os branquiazuis tiveron numerosas ocasións para sentenciar o partido, case sempre ao contragolpe. No minuto 71, Agbo chegou desde atrás para rematar unha cesión de Borja Galán após unha nova acción individual deste, pero o seu disparo topouse coas pernas dun defensa. Dez minutos máis tarde, Keko obrigou a empregarse a fondo a Alberto nun disparo desde unha lateral da área e, segundos despois, foi Gandoy o que o probou desde a media lúa, pero o balón perdeuse á esquerda da portería.

Nos últimos minutos, as opcións de poñer a guinda ao resultado foron moitas para o conxunto coruñés, pero en ningún caso acabou chegando ese último pase ou ese remate definitivo para anotar o segundo gol.

Con esta nova vitoria, os branquiazuis suman 10 puntos de 12 posibles e, após outro partido coa portería a cero, o Deportivo só encaixou un gol en tres partidos.

RC Deportivo: Carlos Abad, Valín (Borja Granero, min. 80), Mujaid, Álex Bergantiños, Héctor Hernández, Agbo, Borges, Keko, Nacho González (Gandoy, min. 64), Lara (Borja Galán, min. 64) e Claudio Beauvue (Miku, min. 64).

Coruxo FC: Alberto, Antón de Vicente, Andriu, Crespo, Manu, Chevi (Jonathan Vila, min. 80), Yebra, Mateo, Álex Ares (Valiño, min. 72), Jairo (Rivera, min. 87) e Aitor Aspas (Pedro, min. 72).

Gol: 1-0 Lara (min. 55).

Árbitro: Cueto Amigo (c. castelán-leonés). Cartón amarelo a Crespo (min. 36), Nacho González (min. 60) e Héctor Hernández (min. 90+3).

Incidencias: partido da 4ª xornada do Subgrupo A do Grupo 1 de Segunda División B disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR con asistencia reducida a 150 espectadores.