RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Nova derrota branquiazul (2-0)

O Deportivo sufriu unha nova derrota, esta vez fronte ao Coruxo FC no campo doVao, nun partido definido no primeiro tempo, cando os branquiazuis encaixaron os dous goles, ambos a balón parado, un nun córner e o outro de penalti.

Rubén de la Barrera cambiou dúas pezas con respecto ao once que presentou de inicio na pasada xornada, fronte ao Unionistas de Salamanca en ABANCA-RIAZOR. Mujaid volveu á titularidade no centro da defensa en detrimento de Derik, mentres que Adri Castro substituíu a Miku na punta de ataque.

Arrancou durmido o conxunto coruñés, que regalou varios balóns ao rival nas inmediacións da súa propia área. Froito dun deles, Silva dispuxo dun man a man con Carlos Abad, que desbaratou o porteiro deportivista. Corría o minuto 2.

O Dépor fíxose coa pelota a partir de entón, pero non atopou ocasións claras. Salva Ruiz chegou á liña de fondo após unha boa combinación pero o seu servizo non atopou rematador. Pouco despois, Lara realizou unha boa acción individual polo extremo esquerdo, que finalizou cun disparo desde o bordo da área. O seu potente dereitazo, con todo moi centrado, rexeitouno Alberto.

Xusto na seguinte xogada adiantouse o equipo local. Nun córner pechado, o coiro saíu rexeitado en curto entre o traveseiro e Carlos Abad, Chabboura recolleuno ante Keko e empuxouno ao fondo das mallas.

O Dépor non se recuperou do golpe e poucos minutos despois encaixou o segundo tanto, nunha xogada embarullada na que o empuxe local conseguiu forzar un penalti, por derriba de Keko sobre Silva. O propio Silva transformou a pena máxima.

A segunda metade comezou cun cuádruplo cambio nas filas do Dépor. Rubén de la Barrera sacou do campo a Salva Ruiz, Borges, Lara e Adri Castro para introducir a Héctor, Miku, Villares e Rayco, producíndose así o debut dos dous últimos. Con estas modificacións, o Dépor pasou a xogar con tres defensas: Valín, Mujaid e Borja Granero.

O cadro coruñés fíxose co mando do partido por completo, xogando moitos minutos cos dez homes de campo en terreo contrario. Pero as ocasións chegaron con contagotas. As máis claras estiveron en botas de Raí. Primeiro, cun disparo co exterior do seu pé esquerdo que se marchou moi preto do pau esquerdo da portería local. Despois, cun disparo desde a dereita do ataque herculino, que atrapou Alberto con seguridade.

O arreón final do Dépor si produciu ocasións importantes. É máis, nelas os branquiazuis topáronse coa madeira até en catro ocasiones.

No minuto 87, Borja Granero cabeceou ao exterior do pau dereito un córner lanzado por Borja Galán. Xa en tempo engadido, Miku cabeceou un centro desde a dereita do propio Borja Galán. O balón primeiro estrelouse no traveseiro e despois no poste dereito. Despois de que Héctor cortase un contragolpe completamente só de Chabboura, Borja Galán estrelou un dereitazo no mesmo pau dereito, despois de que Alberto rozase a pelota. Villares non chegou por moi pouco para remachar o rexeite.

Coruxo FC: Alberto, Antón de Vicente, Andriu, Crespo, Aitor Aspas, Chevi (Manu, min. 85), Jacobo Trigo (Yebra, min. 78), Rivera (Jonathan Vila, min. 69), Mateo (Aarón, min. 69), Chabboura e Silva (Álex Ares, min. 85).

RC Deportivo: Carlos Abad, Valín, Mujaid, Borja Granero, Salva Ruiz (Héctor, min. 46), Borges (Villares, min. 46), Agbo, Keko (Borja Galán, min. 66), Raí, Lara (Rayco, min. 46) e Adri Castro (Miku, min. 46).

Goles: 1-0 Chabboura (min. 21); 2-0 Silva, de penalti (min. 35).

Árbitro: Gao Aladro (c. asturiano). Cartóns amarelos a Salva Ruiz (min. 17), Aitor Aspas (min. 38), Jacobo Trigo (min. 65), Chevi (min. 82) e Rayco (min. 90+4).

Incidencias: partido da 13ª xornada do Grupo 1 Subgrupo A de Segunda División B disputado no campo do Vao a porta pechada debido á pandemia de COVID-19.