RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor cae en ABANCA-RIAZOR ante o Compos (0-2)

O Deportivo caeu ante a SD Compostela no debut de Rubén de la Barrera en ABANCA-RIAZOR, nun partido dominado polo cadro visitante na primeira metade e que se decantou do lado santiagués na segunda, grazas a un gol inmediato á mellor ocasión coruñesa e precedido por unha falta e a xogar a última media hora cun home mes trala expulsión de Mujaid.

Na súa estrea no feudo deportivista, Rubén de la Barrera realizou tres cambios con respecto ao equipo inicial que presentou no seu primeiro partido no banco branquiazul, en Salamanca. Derik Osede entrou no lateral dereito en lugar de Jorge Valín, mentres que Diego Rolan e Claudio Beauvue substituíron a Gandoy e Adri Castro para dar forma a un debuxo 4-4-2.

O cadro visitante apostou por unha presión alta que puxo en apertos ao Deportivo desde o inicio. Froito dela, nos primeiros minutos o equipo que dirixe Yago Iglesias encerrou a un sorprendido Deportivo. Ese dominio serviu á SD Compostela para forzar varios saques de esquina e, sobre todo, para bater a Carlos Abad nun deles, aínda que o tanto foi anulado. O centro de Brais Abelenda traspasara a liña de fondo.

Co paso dos minutos, o Deportivo logrou facerse algo máis co dominio da pelota. Iso polo menos serviulle para evitar que os visitantes se achegasen á súa portería durante moitos minutos. Pero tampouco serviu para xerar accións de perigo, porque en todo momento mostrouse impreciso cando tratou de superar as últimas liñas defensivas da formación compostelanista.

Ao fío da media hora, Borja Galán rematou un centro de Lara desde a dereita, pero o coiro rozou en Saro e foise a córner. Aínda que durante o tramo final foi capaz de forzar varios córneres, ese remate do extremo madrileño foi a única acción de toda a primeira metade na que o Deportivo pisou con certa claridade a área do conxunto santiagués.

A segunda metade arrancou coa mellor ocasión para o Deportivo, moi clara, en pés de Claudio Beauvue. O ariete caribeño roubou a carteira a Guille Torres após un erro de entendemento do central co seu porteiro, pero o seu remate, excesivamente frouxo, atrapouno Pato Guillén nunha gran estirada lanzándose cara á súa esquerda.

Non transcorrera nin un minuto desta acción cando a SD Compostela adiantouse no marcador. Juampa derrubou a Mujaid cun claro empuxón, centrou ao segundo pau para Miki Villar e este deixou de cabeza para que Brais Abelenda fusilase a Carlos Abad. As protestas dos deportivistas de pouco máis valeron que para que o central rioxano vise a primeira cartolina amarela.

Pouco despois, Guille Torres tivo a oportunidade de facer o segundo tanto visitante. O seu remate despois do rexeite dunha falta, completamente só ao bordo da área pequena e a porta baleira, enviouno ás nubes.

Recentemente superada a hora de xogo, Mujaid viu a segunda cartolina amarela, por unha falta sobre Juampa, o que comezou a sepultar calquera opción deportivista de sacar un resultado positivo. Dez minutos máis tarde, Miki Villar sentenciou o choque co 0-2, a porta baleira despois de anticiparse no bordo da área a Carlos Abad nun balón longo. O equipo compostelanista saíu do campo aplaudido pola afección do Dépor, que despediu con fría indiferenza a os nosos no seu regreso a ABANCA-RIAZOR.

RC Deportivo: Carlos Abad, Derik, Mujaid, Borja Granero, Salva Ruiz, Lara (Valín, min. 69), Borges, Álex Bergantiños (Gandoy, min. 77), Borja Galán (Miku, min. 77), Rolan e Claudio Beauvue (Adri Castro, min. 69).

SD Compostela: Pato Guillén, Saro, Guille Torres, David Soto, Jimmy, Pablo Antas (Roberto Baleato, min. 74), Josiño (Gabri Palmás, min. 75), Miki Villar, Bicho (Álvaro Casas, min. 85), Juampa (Hugo Sanmartín, min. 65) e Brais Abelenda (Samu, min. 85).

Goles: 0-1 Brais Abelenda (min. 51); 0-2 Miki Villar (min. 76).

Árbitro: Ávalos Martos (c. catalán). Expulsou a Mujaid por dobre amarela (min. 64). Cartóns amarelos a Claudio Beauvue (min. 31), Mujaid (min. 51), Borges (min. 51), Salva Ruiz (min. 55), Adri Castro (min. 75) e Hugo Sanmartín (min. 80).

Incidencias: partido da 11ª xornada do Grupo 1 Subgrupo A de Segunda División B disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR con capacidade limitada a 500 espectadores debido á pandemia de COVID-19.