RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor cae na Copa con honra (0-1)

O Deportivo deu a cara na segunda eliminatoria da Copa de SM O Rei fronte ao Alavés, un 'Primeira' ao que foi superior nos primeiros 45 minutos e que obtivo a clasificación para a seguinte rolda mercé a un solitario gol a un cuarto de hora do final do encontro.

Fernando Vázquez realizou catro cambios con respecto ao once que eliminou na primeira rolda ao CD El Ejido. Borja Granero, Héctor Hernández, Gandoy e Rui Costa deixaron a súa posición a Valín, Salva Ruiz, Keko e Manu Mosquera, que deste xeito debutou oficialmente co primeiro equipo, 31 anos e 41 días despois de que o fixese o seu pai nun partido de Segunda División fronte ao Real Racing Club de Santander en Riazor (1-0).

O conxunto branquiazul mostrouse superior ao seu rival nos primeiros 45 minutos. O Deportivo tivo o dominio da posesión e territorial, xogando durante moito tempo na metade contraria do terreo de xogo. Con todo, este factor non serviu aos coruñeses para xerar demasiadas accións de perigo ante o marco vitoriano.

A primeira de certa claridade foi nun centro pasado de Salva Ruiz que Borges cabeceou no segundo pau de volta ao primeiro, onde Beauvue rematou de maneira acrobática. A volea do caribeño, demasiado frouxa, perdeuse pola liña de fondo. Mediada a primeira parte, Borges disparou cruzado co seu pé esquerdo. O balón non ía dirixido entre os tres paus e atopouse no seu camiño a Beauvue, que o máis rápido que puido puxo a súa bota esquerda para tentar sorprender a Sivera.

O Alavés apenas se achegou á portería defendida por Lucho García, pero ao fío do descanso dispuxo da mellor ocasión do primeiro acto. Guidetti rematou ao pau co seu pé esquerdo un centro pasado. O rexeite da madeira rematouno, aínda que frouxo, Joselu. Lucho García, aínda que moi desprazado para ir cubrir o remate do sueco, chegou a tempo para deter o disparo do exdeportivista.

O Deportivo perdeu o seu dominio na segunda metade, moito máis equilibrada. Os branquiazuis chegaron con contagotas á área visitante e o Alavés foi adiantando as súas liñas aos poucos. Os vitorianos ameazaron no minuto 52 cun potentísimo dereitazo de Joselu, unha especie de centro-chute desde o extremo dereito, que Lucho García despexou de puños.

Fernando Vázquez tratou de dar osíxeno ao seu equipo cambiando case á metade do mesmo no tramo central do segundo tempo. Primeiro, cunha tripla substitución á hora de xogo e, oito minutos despois, con dous trocos máis. Con Nacho, Héctor, Rui Costa, Barba (outro debutante) e Rolan no campo, os branquiazuis pasaron a xogar cun rombo en mediocampo, con Álex por diante da defensa, Nacho á dereita, Barba á esquerda e Borges na mediapunta, e Rui Costa e Rolan como parella de dianteiros.

Foi precisamente o uruguaio quen tivo a mellor ocasión coruñesa no segundo tempo. O dianteiro estrelou no lateral da rede un remate após recibir un pase en profundidade de Borges. O internacional charrúa amagou o pase a Rui Costa, só á súa dereita, para sacar da xogada a Laguardia quedar man a man con Sivera, pero non acertou co seu disparo.

A un cuarto de hora da conclusión, Lucho García evitou o gol co seu pé dereito, nunha gran intervención a un remate de socato de Borja Sainz. O dianteiro suplente do Alavés aproveitara un despexe en curto de Mujaid para quedar só ante o porteiro deportivista. Un minuto máis tarde, Luis Rioja acertou a levar ao fondo das mallas un centro ao segundo pau cun potente zurdazo a centro de Martín Agirregabiria. Lucho García, aínda que chegou a tocar o balón co pé, esta vez non puido afastalo da portería.

O Deportivo envorcouse con todo nos minutos finais para buscar o gol que prolongase a eliminatoria até a prórroga, aínda que non creou ningunha ocasión clara nin fixo intervir ao porteiro vitoriano. Xa co tempo cumprido, incluso Lucho García subiu a tentar rematar un córner, aínda que sen éxito.

RC Deportivo: Lucho García, Valín, Bóveda, Mujaid, Salva Ruiz (Barba, min. 68), Borges, Álex Bergantiños, Keko (Rolan, min. 68), Manu Mosquera (Nacho González, min. 60), Lara (Héctor Hernández, min. 60) e Claudio Beauvue (Rui Costa, min. 60).

Deportivo Alavés: Sivera, Martín Agirregabiria, Tachi, Laguardia, Adrián Marín, Tavares (Edgar Méndez, min. 86), Tomás Pina (Battaglia, min. 82), Manu García, Luis Rioja, Guidetti (Borja Sainz, min. 71) e Joselu (Deyverson, min. 86).

Gol: 0-1 Luis Rioja (min. 75).

Árbitro: González Fuertes (c. asturiano). Cartóns amarelos a Adrián Marín (min. 31) e Manu Mosquera (min. 48).

Incidencias: partido da segunda eliminatoria da Copa do Rei disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR con capacidade limitada a 1.000 espectadores debido á pandemia de COVID-19.