RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor consegue 5 para aprobar a temporada

O Dépor tiña ante si a primeira das dúas reválidas para acabar o curso co mínimo dos obxectivos planeados. Após non poder loitar por subir de categoría, polo menos manterse na división de bronce do fútbol nacional. Raí e Rayco por Borges e Keko foron as permutas realizadas por Rubén de la Barrera para un partido que, de gañar, supuña pasar o exame definitivo.

O encontro comezou con moito ritmo, cunha UP de Langreo moi enchufada e circulando moi rápido unha pelota que morría sempre ao redor da área ou no seu interior cortada pola zaga branquiazul. En ataque, a primeira para o Dépor chegou no minuto 4 coa apertura de Raí para Lara, o centro á frontal da área pequena e o remate de Miku coa punta da bota que se marchou desviado.

Camiño do cuarto de hora, unha xogada persoal de Raí polo centro acabou co disparo con potencia do brasileiro desde a frontal que obrigou a Dennis a voar para sacar a unha man o balón a córner. Na área de en fronte o Langreo seguía sen inquietar demasiado e só un par de remates de David obrigaron a Lucho a botar xeonllo e terra e a luva ao balón, ademais doutro de Adrián Llano á saída dun córner que quedou enganchado nos pés da zaga branquiazul.

Rayco tivo unha boa oportunidade de falta directa desde 20 metros á que imprimiu demasiada rosca para marcharse fóra. O que non fallou foi Miku ao tránsito polo minuto 30. Héctor gañou liña de fondo e meteu ao primeiro pau onde o dianteiro, de tacón, fixo o primeiro.

Nunha xogada similar deixouna pasar Miku pensando que traía un compañeiro ás costas, pero atopouse á zaga visitante. Tamén a tivo Rayco que recortou dentro da área, pero rematou desviado. A última antes do descanso si lle saíu por dentro ao venezolano que, após recortar, disparou axustado ao pau obrigando á estirada de Dennis.

A continuación non puido ser mellor. Unha falta cometida pola UP de Langreo na zona de ataque dereita do Dépor serviu para que Héctor puxese un gran centro para a chegada poderosa de cabeza de Borja Granero que abría o camiño para unha segunda parte máis plácida.

O segundo tanto branquiazul serviu para baixar moito as revolucións do partido e do equipo visitante que seguiu tentando combinar, pero sen tanta profundidade como no primeiro tempo. A piques de chegar á hora de xogo, unha rápida contra iniciada e conducida por Miku serviu para que o venezolano cedese na frontal a Raí que prolongou para o desdobre de Lara que disparou alto. Coa orde de intervención variado a xogada si callou no 64 coa asistencia de Rayco para Miku que definiu con clase para levar a tranquilidade definitiva aos case 5.000 Deportivistas presentes en ABANCA-RIAZOR.

Unha afección que gozou dun bonito gol de falta directa de Celso Borges. A un metro da frontal, lixeiramente escorada á zona esquerda de ataque, o tico atopou o recanto dereito da portería da UP de Langreo para asinar un novo tanto en xogada ensaiada, o cuarto do equipo. Só unha falta de Allyson, lixeiramente alta no 86, inquietou a Lucho nunha segunda metade á que puxo final o Dépor cun novo gol. Un gran pase en profundidade de Rayco para Borges serviu para que o tico puxese na cabeza de Adri Castro o quinto e definitivo gol.

Con cinco, no penúltimo partido, o Dépor aprobou o mínimo para esta temporada, garantirse a permanencia na antesala do fútbol profesional a falta dunha última xornada que será clave para o Numancia de Soria e o Racing de Ferrol, que se xogarán o outro posto que dá a mesma avaliación final que hoxe alcanzou o Deportivo.

RC Deportivo: Lucho, Bóveda (Valín, min. 83), Mujaid, Granero, Héctor, Álex Bergantiños (Gandoy, min. 83), Lara (Borges, min. 73), Rayco, Diego Villares, Raí (Nacho González, min. 83) e Miku (Adri Castro, min. 70)

UP Langreo: Dennis, Puras (Abel, min. 70), Gonzalo, Alain, Adrián Llano (Álvaro, min. 77), Ketu (Stambo, min. 70), Allyson, Marenyá, David (Rabii, min. 55), Miguel Santos e Álvaro Muñiz (Jorge Hernández, min. 55)

Goles: 1-0 Miku (min. 30); 2-0 Granero (min 47); 3-0 Miku (min. 64); 4-0 Borges (min. 75); 5-0 Adri Castro (min. 90+2)

Árbitro: González González (c. Tinerfeño). Amoestou a Gonzlo (min. 21), Adrián Llano (min. 26)

Incidencias: partido da 5ª xornada do Grupo 1 D de Segunda División B, último da temporada en ABANCA-RIAZOR, con aforamento reducido a 5.000 espectadores