RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor segue en pos de sensacións cun claro triunfo ante o CSD Arzúa en ABANCA-RIAZOR

O Deportivo estreouse en ABANCA-RIAZOR esta pretemporada cunha clara vitoria sobre o CSD Arzúa (5-0), no segundo partido de preparación do novo curso, no que seguiu na súa procura de sensacións para comezar o campionato na mellor forma posible.

O conxunto branquiazul foi claro dominador do primeiro período, feito que plasmou no marcador con tres tantos. Ao fío da media hora, un córner lanzado por Keko e despexado en curto pola defensa do CSD Arzúa o empalmou Lara nunha volea coa que colocou a pelota lonxe do alcance de Marqueta. Nos últimos cinco minutos chegaron dous tantos máis. O 2-0 foi obra de Keko Gontán, cun dereitazo raso desde a frontal da área que entrou na portería após golpear no interior do poste dereito. O terceiro asinouno Miku, que marcou a pracer despois dunha gran acción individual de Lara, que recortou cara atrás despois de recibir un pase ao oco de Héctor Hernández.

Fernando Vázquez esgotou os cambios no descanso, tralo que entraron os 7 suplentes dispoñibles. Lucho García, Bóveda, Borja Granero, Salva Ruiz, Borges, Gandoy e Nacho González saltaron ao terreo de xogo en lugar de Carlos Abad, Valín, Juan Rodríguez, Héctor Hernández, Queijeiro, Adri Castro e Miku. Ante a ausencia de dianteiros natos, foron Keko e Lara quen actuaron como futbolistas máis adiantados na segunda metade.

Na segunda metade chegaron dous goles máis. Borges remachou lanzándose ao chan no segundo pau un novo córner lanzado por Keko e peiteado por Granero, mediado o tempo complementario. A pouco máis de dez minutos da conclusión, chegou o quinto e definitivo gol. Gran triangulación entre Nacho González, Lara e Keko, que serviu un pase en profundidade para o desmarque de Gandoy, que superou a Gabriel Martínez no man a man.

Deportivo: Carlos Abad (Lucho García, min. 46), Valín (Bóveda, min. 46), Juan Rodríguez (Borja Granero, min. 46), Mujaid, Héctor Hernández (Salva Ruiz, min. 46), Keko Gontán, Queijeiro (Borges, min. 46), Álex Bergantiños, Lara, Adri Castro (Gandoy, min. 46) e Miku (Nacho González, min. 46).

CSD Arzúa: Marqueta (Gabriel Martínez, min. 46), Dani Blanco (Diego Fuentes, min. 62), Queiruga, Jorge Tomé, Álex Vázquez (Adrián Eiro, min. 46), Brais Pedreira (Lois, min. 78), Pedro Delgado, Manu Casal (Álvaro Suárez, min. 46), Alberto Blanco (Brais Prieto, min. 46), Iker Hurtado (Iván García, min. 62) e Lodeiro.

Goles: 1-0 Lara (min. 28); 2-0 Keko Gontán (min. 42); 3-0 Miku (min. 44); 4-0 Borges (min. 63); 5-0 Gandoy (min. 78).

Árbitro: Cives Enjo (c. coruñés). Sen amoestacións.

Incidencias: segundo partido de pretemporada do Dépor 2020-2021, disputado a porta pechada no Estadio ABANCA-RIAZOR.