RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor supera o test numantino (2-1)

O Deportivo recupera a vantaxe inicial de catro puntos con respecto ao terceiro clasificado da segunda fase ligueira após impoñerse ao CD Numancia en ABANCA-RIAZOR nun partido liquidado con dous goles a balón parado: unha acción de estratexia nun córner e un penalti.

O preparador deportivista, Rubén de la Barrera, fixo dúas modificacións con respecto ao once que presentou na anterior xornada en Langreo. Borges substituíu a Uche Agbo na medular, mentres que Lara entrou por Rayco en ataque.

A pesar de que o Numancia foi o primeiro equipo en achegarse á portería rival, forzando un saque de esquina no minuto 2, o Deportivo fíxose rapidamente co mando do partido. O dominio dos branquiazuis comezou a facerse máis palpable a partir da súa primeira chegada, no minuto 7, cando Villares pescou un balón solto na frontal da área e empalmou un potente dereitazo que foise rozando o poste dereito da portería visitante.

Catro minutos despois, unha recuperación en mediocampo propiciou unha rápida combinación entre Lara, Keko e Miku que Borja López desviou a córner coa punta da súa bota cando o madrileño quedaba só na media lúa.

Os branquiazuis xogaron moitos minutos na metade contraria do terreo de xogo, pero non deron máis traballo a Ximo Miralles aínda que si trenzaron algunhas accións que non se finalizaron en última instancia ou numerosos centros que non atoparon rematador por pouco.

No ecuador do primeiro tempo, chegou o primeiro tanto da tarde, nunha acción de estratexia. Foi nun córner xogado en curto cara á frontal da área para Lara, que centrou ao segundo pau onde chegou Celso Borges completamente só para cabecear, aínda que Ximo Miralles chegou a tocar o esférico, ao fondo das mallas.

Un erro na saída do balón permitiu a Asier Benito, no minuto 27, entrar completamente só pola parte esquerda do ataque soriano. O disparo do dianteiro visitante marchou excesivamente cruzado.

Foi un punto de inflexión no partido, porque o Numancia comezou a acumular chegadas perigosas. Nunha delas, unha falta colgada rematouna David Castro ao bordo da área pequena pero Lucho García estivo ben colocado e seguro para atrapar o coiro. Pouco despois, Moha non chegou polos pelos no segundo pau a un centro por baixo desde a esquerda que superara a toda a defensa branquiazul, incluído o gardameta colombiano.

O Dépor aguantou o arreón numantino para chegar con vantaxe ao intermedio.

A segunda metade comezou con polémica. Dous fóras de xogo máis que dubidosos fóronlle sinalados a Keko a pase de Álex e a Miku a centro pasado de Keko en accións na interior da área.

Aos dez minutos, o Numancia logrou o tanto da igualada. Asier Benito cabeceou de socato, completamente só, un centro desde a esquerda a perna cambiada de Tamayo que atopou o oco entre os dous centrais deportivistas.

O empate non descompuxo ao Deportivo, que continuou buscando a portería contraria. Aínda que de novo topouse co banderín da asistenta que cubriu o ataque branquiazul no segundo período. Keko quedaba só no punto de penalti após pase picado de Miku pero a colexiada levantou o banderín nunha nova acción milimétrica. Corría o minuto 66.

Cinco minutos despois, un despexe dun xogador soriano foi a parar ao brazo dereito do capitán Lillo, que non puido apartalo cando o balón se marchaba a córner. O colexiado sinalou o punto de penalti, desde onde Miku non perdoou. O venezolano enganou ao gardameta do conxunto castelán para poñer de novo en vantaxe ao Dépor.

O tramo final deixou varias accións importantes. Como a que se produciu no minuto 77, cando o Deportivo recuperou o esférico en tres cuartos con moita vantaxe. Keko internouse pola media lúa e Cotán derrubouno. O colexiado, con todo, ensinoulle a cartolina vermella directa a Borja López. Borges lanzou a falta suave por riba da barreira. Ximo Miralles alcanzou a pelota con dificultade pero evitou o tanto.

Cun home máis sobre o terreo de xogo, os branquiazuis dispuxeron de varias oportunidades para sentenciar o choque ante un Numancia envorcado ao ataque malia a inferioridade numérica. Raí, ao contragolpe xunto a Miku nun dous contra un, recortou cara a dentro ao último defensor e disparou excesivamente cruzado. Xa no terceiro dos sete minutos de tempo engadido que decretou o árbitro, de novo o brasileiro tivo a oportunidade de facer o terceiro gol. Foi despois dun balón loitado e gañado por Rayco. O dereitazo de Raí marchouse á esquerda do marco defendido por Jara, que poucos minutos antes tivo que substituír a Ximo Miralles, lesionado.

O Numancia buscou a súa opción de empatar e, como sempre adoita ocorrer malia a inferioridade numérica, tívoa. Os sorianos recuperaron o balón nun saque de banda do Dépor en campo propio e o centro desde a dereita bateuno Cotán, totalmente só no punto de penalti, pero non enganchou ben a pelota, que se perdeu moi lonxe da portería coruñesa.

Con esta vitoria, o Deportivo segue encabezando a segunda fase ligueira, con dous puntos de vantaxe sobre o Racing de Ferrol e catro sobre o propio Numancia.

RC Deportivo: Lucho García, Bóveda, Mujaid, Borja Granero, Héctor Hernández, Borges (Uche Agbo, min. 81), Álex Bergantiños, Villares, Keko (Rayco, min. 81), Miku e Lara (Raí, min. 56).

CD Numancia: Ximo Miralles (Jara, min. 80), Lillo, Borja López, David Castro, Diego Aguirre, Menudo, Manzanara, Cotán, Moha (Rubén del Campo, min. 85), Asier Benito (Gabarre, min. 80) e Tamayo (José Fran, min. 80).

Goles: 1-0 Borges (min. 22); 1-1 Asier Benito (min. 55); 2-1 Miku, de penalti (min. 72).

Árbitro: Pérez Muley (c. madrileño). Expulsou con vermella directa a Borja López (min. 77). Cartóns amarelos a Diego Aguirre (min. 42), David Castro (min. 44), Borja Granero (min. 58) e Moha (min. 72).

Incidencias: partido da 3ª xornada do Grupo 1 Subgrupo D de Segunda División B disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR con asistencia limitada a 1.000 espectadores debido á pandemia de COVID-19.