RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo conserva o liderado en Pasarón (1-1)

O Deportivo sumou un punto na súa visita ao Pontevedra, co que conserva o liderado e mantense invicto despois de sete xornadas. Diego Rolan marcou, mediado o segundo período, o seu segundo gol en dous partidos coa camiseta branquiazul pero o conxunto local logrou case de inmediato o tanto do empate definitivo.

Deportivo e Pontevedra non se vían as caras no campionato ligueiro desde o 10 de maio de 1981, día en que os branquiazuis concretaron o seu ascenso a Segunda División. Aquel choque da 36ª xornada do Grupo I de Segunda División B da Temporada 1980-1981 o conxunto coruñés impúxose por 5-1, logrando matematicamente o retorno á categoría de prata do fútbol nacional.

O técnico deportivista, Fernando Vázquez, realizou dous cambios con respecto ao once que venceu ao Racing de Ferrol o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR. Álex Bergantiños e Gandoy ingresaron na formación inicial en detrimento de Nacho González e Claudio Beauvue. Deste xeito, o Deportivo formou cun esquema similar ao que acabou o partido fronte ao cadro departamental, cunha defensa de tres centrais e un só punta.

O respecto mutuo marcou o partido desde o seu inicio. Na primeira metade do período inicial apenas se produciron achegamentos ás porterías. Un disparo desviado de Jorge Fernández despois dun balón colgado á área, unha veloz penetración de Bóveda ao que a defensa arrebatou o coiro no punto de penalti e un disparo de Borja Galán que chegou mansamente a mans de Mario após rozar en Santi Figueroa foron as únicas accións de certo perigo no primeiro cuarto de partido.

A mellor ocasión do Pontevedra acabou anulada por fóra de xogo. Unha perda en mediocampo colleu desprevida á zaga deportivista, Zabaleta centrou ao segundo pau onde Rufo, completamente só, golpeou de cabeza cara ao primeiro, onde Charles, tamén só pero en posición anti regulamentaria, remataba ao fondo das mallas. Corría o minuto 26.

O tramo final do primeiro período transcorreu sen máis accións dignas de apuntar.

Co inicio da segunda parte cambiou o panorama. O Pontevedra deu un paso adiante e nos primeiros minutos forzou varios saques de esquina e colgou varias pelotas á área con perigo, aínda que en ningún momento puxo a proba a Carlos Abad.

Preto da hora de xogo, Lara entrou en lugar de Uche Agbo. Deste xeito, Gandoy abandonou a banda para ocupar o dobre pivote xunto a Borges. O sevillano deu maior dinamismo ao ataque deportivista, pero os branquiazuis atoparon o camiño á portería contraria de novo por medio de Diego Rolan, no minuto 65. O uruguaio recibiu un pase de Borges polo centro do ataque, abriuse cara á dereita e sacou un disparo que rozou en Xisco Campos, descolocando a Mario e coándose na portería granate.

Con todo, pouco durou a vantaxe. Charles avisou no minuto 68, cun remate alto co pé dereito a centro de Borja Martínez desde a esquerda. Un minuto despois, Rufo logrou o tanto do empate, ao bater a Carlos Abad cun potente zurdazo ao primeiro toque no segundo pau após un servizo raso de Oier Calvillo desde o extremo dereito.

A dez minutos da conclusión, o colexiado expulsou a Lara, que empuxara a Rufo, e a Charles pola súa reacción contra o xogador deportivista. Por conseguinte, ambos os equipos tiveron que afrontar o tramo final con dez xogadores sobre un céspede xa moi castigado pola constante choiva caída sobre a capital pontevedresa.

No tempo engadido, Rui Costa e Mujaid dispuxeron dun contragolpe contra un só defensa do Pontevedra, pero un zagueiro local acabou cruzándose ante o defensa branquiazul cando se dispuña a rematar.

O marcador non volveu moverse polo que o encontro finalizou co empate, co que o Deportivo mantense invicto e conserva a primeira posición do subgrupo.

Pontevedra CF: Mario, Santi Figueroa, Churre, Xisco Campos, Zabaleta, Jorge Fernández (Oier Calvillo, min. 62), Imanol García (Adrián Cruz, min. 62), Borja Martínez, Álex González (Iñaki, min. 83), Rufo e Charles.

RC Deportivo: Carlos Abad, Bóveda, Mujaid, Borja Granero, Álex Bergantiños, Salva Ruiz, Gandoy, Uche Agbo (Lara, min. 57), Borges, Borja Galán (Nacho González, min. 75) e Rolan (Rui Costa, min. 75).

Goles: 0-1 Rolan (min. 65); 1-1 Rufo (min. 69).

Árbitro: González Francés (c. canario). Expulsou con vermella directa a Charles e Lara (min. 81). Cartón amarelo a Uche Agbo (min. 13), Mujaid (min. 41), Imanol García (min. 50), Álex González (min. 79) e Churre (min. 87).

Incidencias: partido da 7ª xornada do Grupo I Subgrupo A da Segunda División B disputado no Estadio de Pasarón con asistencia limitada a 500 espectadores.