RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O porteiro Jorge, un dos poucos 'One Club Man' deportivistas, falece aos 63 anos

Jorge García Santos, gardameta deportivista durante case tres lustros e que ao longo da súa carreira profesional só defendeu a camiseta branquiazul, entre 1977 e 1991, faleceu este mediodía aos 63 anos de idade.

Jorge, nacido na Coruña o 10 de agosto de 1957, é un dos poucos 'One Club Man' (xogadores que militan toda a súa carreira profesional nun mesmo club) nos 114 anos de historia branquiazul. A súa fidelidade queda resumida en que é o quinto futbolista que maior número de temporadas formou parte do primeiro equipo, con 14, só por detrás de Manuel Pablo, Fran e Acuña (18) e Chacho (15) e por diante de Valerón, Mauro Silva, Guimeráns e Pedrito, con 13 cada un. Ademais, é duodécimo no ranking de partidos disputados, con 323, sendo o segundo porteiro que máis veces defendeu o escudo deportivista, só superado por Juan Acuña, con 381. Jorge encaixou un total de 368 tantos neses 323 encontros.

Con 221 partidos en Segunda División, Jorge é o quinto deportivista con máis partidos xogados na categoría de prata do fútbol español, detrás de Vicente Celeiro (268), Pancho García (258), Silvi (226) e Piña (224). E con 64 partidos de Copa, é o segundo neste apartado, unicamente superado por Fran (74).

- Unha formación clásica da Temporada 1982-1983, na que Jorge foi o indiscutible porteiro titular do Deportivo que quedou a un punto de ascender a Primeira División -

Jorge comezou a xogar no CD Calasanz, desde o cal pasou ao Deportivo en idade xuvenil. Con só 17 anos debutou co Fabril, no que militou durante tres campañas (1974-1977), nas que disputou 46 partidos e encaixou 43 goles. Na última delas, foi membro do filial que logrou o regreso a Terceira División.

Durante o seu paso polo Fabril xa foi convocado nalgunhas ocasións polo primeiro equipo, aínda que o seu debut non se produciu até a temporada do seu salto definitivo ao cadro principal. O 23 de outubro de 1977, Jorge estreouse na portería deportivista, en partido da 9ª xornada da Segunda División 1977-1978 fronte ao CE Sabadell na Nova Creu Alta (4-3).

Aquela temporada, Buyo apartouno da titularidade, do mesmo xeito que no curso 1979-1980. O betanceiro, Montes (1984-1985 e 1985-1986) e Yosu (1990-1991) son os únicos porteiros que sacaron a Jorge do equipo con asiduidade. A todos os demais, como Guerrero, Blay, Millán, Docobo ou Fernando, Jorge superounos, ou polo menos igualou, na carreira pola titularidade.

Jorge sempre se caracterizou por ser un porteiro cunha gran intuición nos lanzamentos de penalti. Boa mostra diso ofréceno os seus espectaculares números nas quendas de penaltis de Copa. Jorge estivo baixo paus en 6 das 16 quendas que o Deportivo disputou en Copa en toda a súa historia, nas que detivo nada menos que 9 de 25 disparos e nas que o cadro coruñés saíu vencedor en 5 delas. A máis lembrada, sen dúbida, foi a protagonizada contra a Real Sociedad no Campo de Atotxa, onde detivo os lanzamentos de Zamora e Uría para levar ao Dépor aos cuartos de final.

O seu último encontro como branquiazul foi o 28 de abril de 1991, fronte á SD Eibar (2-3), en partido da 32ª xornada de Segunda División celebrado en Riazor. Após lograr, dous meses despois, o ansiado ascenso que puxo fin a case dúas décadas sen pisar a Primeira División no memorable choque ante o Real Murcia, Jorge colgou as luvas cando estaba a piques de cumprir os 34 anos.

O RC Deportivo quere transmitir o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos, excompañeros e a todo o deportivismo. DEP.