RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Dépor romo non atopou vetas para gañar en Guijuelo

A volta do Fernando Vázquez xunto á liña de cal após cinco meses de sanción era unha das novidades previas da primeira visita do Dépor a Guijuelo. Unha liña, neste caso, de pintura permanente sobre un terreo de xogo de céspede artificial, segunda das circunstancias diferenciais do encontro. A terceira, as novidades na aliñación co regreso de Bóveda e Salva aos laterais, de Granero ao centro da zaga e a estrea de Galán e Miku como titulares. A primeira suplencia de Bergantiños na temporada completaba o quinteto de elementos novos dun partido que empezou con case dez minutos de tenteo entre ambos os contendentes. Só un centro de Bóveda ás mans de Sarkauskas no minuto 2 e outro do equipo local no 7 serviron para meter balóns en zona de castigo. Era un presaxio do guión global do partido.

Salva de falta após unha man non amoestada da defensa local puxo a proba a Sarkauskas que sacou de puños provocando un corner posterior após disparo do propio Salva e un lanzamento alto do lateral branquiazul despois o saque de esquina. A tripla oportunidade do 21 no minuto 12 de partido foi dos poucos asedios visitantes no Municipal Luis Ramos. Miku tivo a súa oportunidade máis clara no minuto 20 cun duro disparo contra as pernas de Carlos Rubén.

A mellor ocasión chegou no ecuador do primeiro tempo, e foi para os locais, cunha asistencia ao punto de penalti a Cristóbal Gil que a parou coa dereita e disparou co exterior da zurda a centímetros do pau da portería de Abad. Nin un minuto pasou até a seguinte do Guijuelo cun disparo desviado de Kamal ao recoller na frontal un despexe da zaga deportivista. Rexeite que tamén logrou a barreira branquiazul nunha falta perigosa lanzada por Jonathan, homenaxeado na previa do partido ao cumprir hoxe 300 partidos defendendo a camiseta salmantina e portando o seu brazalete de capitán.

Sen moita máis historia acabou o primeiro tempo, prólogo de in segundo que non mellorou as cousas. As ocasións de novo comezaron chegando polo costado dereito primeiro cun centro de Bóveda e despois cun disparo de Keko que non logrou conectar de cabeza Miku. O propio Keko dispuxo da seguinte, nun balón conducido polo centro que acabou rematando alto. A resposta chegou por medio de Gil que, desde fóra, tirou raso e lixeiramente desviado sobre a portería de Carlos Abad. Tamén desviado foi o disparo de Kamal após unha contra nada dun despexe que a punto estivo de aproveitar o equipo local no minuto 72. Entre medias, pouco fútbol e menos ocasións a pesar do intento de mover algo na zona ofensiva por parte do Dépor co cambio de Rui Costa por Miku.

A boa oportunidade da segunda parte tívoa o Guijuelo cun control longo de Kike Pina que desde trinta metros pegoulle coa alma obrigando a Carlos Abad a voar para mandar a córner a ocasión do equipo verde. Precisamente desde a esquina puido marcar o Dépor co remate de Borges bloqueado pola defensa do Guijuelo. Foi a aproximación máis destacada dun Deportivo que, un punto e poucos recordos, traerá da súa visita a Guijuelo.

CD Guijuelo: Sarkauskas, Parra, Jonathan, Josín, Kike Pina (Andrés González, min. 80), Carlos Rubén, Kamal (Deco, min. 75), Cristóbal Gil, Eizmendi (Abraham Pozo, min. 75), Zamorano e Pino (Lolo Pla, min. 87).

RC Deportivo: Abad, Bóveda, Mujaid, Granero, Salva, Keko, Uche, Borges, Galán (Lara, min. 83), Miku (Rui Costa, min. 65) e Claudio (Álex Bergantiños, min. 42).

Árbitro: Pérez Hernández (c. madrileño). Amoestou a Claudio (min. 28), Mujaid (min. 34), Kamal (min. 36), Keko (min. 58), Eizmendi (min. 70). Expulsou con vermella directa a Kike Pina (min.90+1).

Incidencias: partido da 5ª xornada do Grupo I Subgrupo A de a Segunda División B disputado no municipal Luis Ramos de Guijuelo antes 350 espectadores, 12 deles deportivistas das penas salmantinas Miróbriga e Meseta Branquiazul.