A Fundación RC Deportivo crea o Fabril FC, club do que pasan a formar parte o Alevín B e Benxamín B do Dépor
O Real Club Deportivo fortalece, sobre todo a nivel competitivo, parte da súa estrutura de formación para favorecer o crecemento en competición, unha das claves do proceso formativo, dos seus xogadores e equipos máis novos. Por iso, os que até esta temporada eran os equipos B do Dépor en categorías alevín e benxamín pasan a depender dun club de recente creación por parte da Fundación Real Club Deportivo: o Fabril FC.
O Fabril FC terá, desde esta temporada, dous equipos, un alevín e outro benxamín, que poderán competir nunha categoría superior á que militaban até este momento ao non ser dependentes do Deportivo Alevín A e Benxamín A, aos que mesmo se poderán enfrontar en partidos oficiais. Deste xeito, os xogadores de primeiro ano de cada categoría poderán ter a oportunidade de xogar contra futbolistas un ano maiores, o que permite novos ritmos de evolución no seu proceso de formación.
Dependente da Fundación RC Deportivo, os xogadores de ambos os equipos do Fabril FC seguirán adestrando e xogando, cando así o determine o calendario de competición, nas instalacións da Cidade Deportiva de Abegondo.
O RC Deportivo Fabril, filial do RC Deportivo no grupo I de Terceira División, a pesar de compartir nome co novo club, non terá vinculación co Fabril FC e seguirá pertencendo ao RC Deportivo como filial para todos os efectos de competición e federativos.