ABANCA-RIAZOR acolleu a presentación da Final de Campións de Primera Federación, cuxo trofeo pode verse na DéporTienda do Estadio
O Estadio ABANCA-RIAZOR acolleu esta tarde a presentación da Final de Campións de Primera Federación, que enfrontará a próxima semana, a dobre partido, ao RC Deportivo e ao CD Castellón.
Rafael Louzán, presidente da RFGF e máximo responsable da categoría, e Álvaro García Diéguez, presidente do RC Deportivo, presentaron o trofeo que estará en xogo na dobre confrontación, que terá como escenario ABANCA-RIAZOR o mércores 29 de maio e Castalia o domingo 2 de xuño.
O trofeo de campión de Primera Federación quedará exposto na DéporTienda de ABANCA-RIAZOR até o vindeiro mércores, data do partido de ida, cando porá rumbo a Castellón de La Plana, onde dentro de dez días un dos dous equipos farase con ela.
O máximo mandatario deportivista felicitou a Louzán polo seu recente nomeamento como presidente de Primera Federación, aínda que lle confesou estar "encantado de que o Dépor deixase atrás" dita categoría. "Esta temporada foi tremendamente complexa e quero destacar ademais do esforzo de cadro e corpo técnico, o traballo de todos os traballadores que forman o Real Club Deportivo para lograr o noso obxectivo", engadiu García Diéguez.
O presidente branquiazul desexou "que esa copa pase a formar parte da nosa vitrina de títulos, porque ese trofeo redondearía a temporada e sería un símbolo de toda a nosa andaina nesta categoría. Atrás quedan temporadas duras de playoffs frustrados que non deben caer no esquecemento para dignificar o conseguido esta temporada".
Pola súa banda, Louzán felicitou ao Dépor polo seu ascenso a Segunda División, polo regreso do Dépor ABANCA á Liga F e polos éxitos de #ANOSACANTEIRA, como os títulos logrados polo Xuvenil A, Xuvenil B e Cadete.