RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

ABANCA-RIAZOR e un Dépor que quere "ser protagonista con balón" mídese a un dos aspirantes ao ascenso, unha UD Almería "con xogadores de Primera"

ABANCA-RIAZOR recibe mañá domingo 9 de febreiro (18:30, LaLiga TV Hypermotion) a un dos candidatos ao ascenso a LaLiga EA Sports, a UD Almería, en encontro correspondente á 26ª xornada.

Na sala de prensa, Óscar Gilsanz asegura que a súa intención "non é cederlles a iniciativa porque con balón é un equipo moi perigoso".

Iso si, pide "adaptarse a calquera situación do partido porque hai equipos que nos poden dominar por momentos pero a intención é ser protagonista con balón, ser capaz de levar a iniciativa mesmo sen balón coa presión en campo contrario".

Admite que moitas veces non é capaz o equipo: "O outro día en Eibar a intención sempre foi apertar arriba a saída de balón e os últimos 10 minutos estivemos a defender continuamente".

Os resultados da última xornada, co triunfo en Ipurúa, deixaron a Os Nosos en 13ª posición con 32 puntos.

O Dépor realizou esta mañá no campo 3 de Abegondo un último repaso ao plan de partido e ás accións a balón parado.

"Unha das correccións non foi o non atacar senón foi a de non ser capaces de apertar arriba e manter á SD Eibar lonxe da túa portería, sabendo que é complicado ir alí e non sufrir 7 ou 8 centros laterais", desvela Óscar Gilsanz.

Insiste en que a UD Almería ten "xogadores de Primera División" e "imos ter que facer as cousas ben non, moi ben para ser capaces de gañarlle a un grandísimo rival. O nivel do rival obríganos a estar case perfectos".

Mfulu e Escudero están con adestramento personalizado e son baixa para o encontro.

Pola súa banda, o conxunto que prepara Rubi, que a pasada fin de semana empatou (1-1) co Real Oviedo, é 2º na táboa con 44 puntos.

Na primeira volta disputada o 17 de novembro na cidade andaluza venceron os almerienses (2-1) aos deportivistas.

Lonxe do seu estadio, a UD Almería esta temporada gañou ao CD Tenerife (0-1), Real Zaragoza (1-2), Elche CF (1-2), FC Cartagena (1-2), Racing de Ferrol (1-4) e Córdoba CF (0-3); empatou co Real Racing Club (2-2), SD Huesca (2-2) e Málaga CF (1-1); e perdeu co CD Eldense (1-0), Levante UD (4-2), Real Oviedo (3-2) e Albacete Balompié (2-1). 

En rolda de prensa, Rubi cualificou ao Dépor como "un moi bo equipo, que a medida que pasan as xornadas vai crecendo. É un equipo moito máis consolidado na categoría".

Vaticina "un partido difícil onde imos ter que estar moi xuntiños, moi compactos, non deixarlles correr, estar moi concentrados en defensa e logo en ataque a ver se podemos estar un pouco máis inspirados".

Finalizado o encontro, Os Nosos adestrásense de novo o luns 10 de febreiro ás 11:00 en Abegondo.