ABANCA-RIAZOR ruxiu como as mellores noites co triunfo do Deportivo por 1-0 ante o Sporting de Gijón.
O gol da vitoria aos 88 minutos foi do central coruñés Dani Barcia, un futbolista criado en ANOSACANTEIRA, na Cidade Deportiva de Abegondo, desde os 8 anos.
Antonio Hidalgo, na rolda de prensa, destaca o "sentimento de pertenza. Os xogadores da casa téñeno e os que vimos de fóra non o podemos ter. Aos poucos tentamos ir collendo ese sentimento. A xente de aquí ensínanos como sente, como se vive a cidade. Estou contento por Dani, por ese gol e por sumar os 3 puntos".
Con este resultado, o Dépor suma 8 puntos e instálase na zona nobre.
Os Nosos pecharon o pasado luns 1 de setembro a 3ª xornada e foron os encargados de abrir a 4ª nunha semana curta cunha longa viaxe de regreso durante toda a noite desde Leganés incluído.
Os branquiazuis chegaban ao choque cun empate traballado en Butarque (2-2) despois de ir perdendo ao descanso por 2-0.
Foi baixa por lesión Jose Ángel e Gragera, este a consecuencia dunhas molestias musculares.
Tampouco estivo Mella, concentrado coa selección española sub-20 para un amigable ante Francia que se xogará este domingo.
Entrou na convocatoria Lucas Noubi, que regresou onte venres de noite á Coruña após xogar con Bélxica sub-21 o xoves 4 ante Bielorrusia un partido de clasificación para o campionato de Europa da categoría.
Os fabrilistas Samu, Kike Fernández e Mane, ademais de Rubén López, completaron a convocatoria.
Pola súa banda, o Sporting de Gijón chegaba a ABANCA-RIAZOR á fronte da táboa co Real Racing Club con 9 puntos de 9 posibles.
Os de Asier Garitano, que xogaron o venres 29 de agosto o seu partido da 3ª xornada, venceron por 0-1 ao AD Ceuta FC na súa única saída até A Coruña.
Antonio Hidalgo optou por cambiar de dianteiro. Mulattieri substituíu a Zakaria Eddahchouri na punta de ataque.
Dous minutos tardou o italiano en rematar a porta. Foi unha cabezada a centro de Yeremay, ás mans de Yáñez.
Tamén o fixo á media hora nun saque de esquina. Esta vez o balón saíu rozando o traveseiro.
Pasada a media hora, Escudero probou fortuna nun balón ao segundo pau. Yáñez desviou con apuros un venenoso tiro raso.
Con este 0-0 chegouse ao descanso.
A primeira da segunda metade foi para Gelabert, que cabeceou ao pau esquerdo da meta de Germán.
Ao minuto seguinte respondeu o Dépor. Yeremay mandou o balón ao poste esquerdo da meta de Yáñez despois dunha boa combinación con Mario Soriano.
O Dépor apertou en busca do gol.
Escudero volve probar sorte no 56 desde moi lonxe. De novo interveu a meta sportinguista.
Luismi e Eddahchouri, que substituíu a Mulattieri, tamén o tentaron sen lograr perforar a portería asturiana.
O dianteiro holandés, no 71, cabecea ás mans de Yáñez un centro de Quagliata.
Os Nosos rozaban o gol.
A 5 minutos para o final, Mario Soriano non chega por moi pouco case en boca de gol a un centro de Yeremay desde a esquerda.
Foi o preámbulo do tanto deportivista.
Á saída dunha falta lateral o balón cae a Dani Barcia que empalma o balón ao recanto esquerdo da portería do Sporting ante o delirio de #ANOSAFORZA.
Ao Dépor foille suficiente nos minutos que restaban con tapar espazos e evitar así calquera risco para o marcador.
"Os 3 puntos en casa saben moi ben. O ambiente foi impresionante, un estadio envorcado, empuxando desde o primeiro minuto até o último", concluíu Antonio Hidalgo na sala de prensa.
Deportivo: Germán, Ximo Navarro (Arnau, min. 75), Loureiro, Dani Barcia, Escudero (Quagliata, min. 66), Patiño (Stoichkov, min. 66), Villares, Yeremay, Mario Soriano, Luismi (Cristian Herrera, min. 75) e Mulattieri (Eddahchouri, min. 59)
Sporting de Gijón: Yáñez, Rosas (Gaspar, min. 46), P. García (Diego Sánchez, min. 52), Perrín, Nacho Martín (Mbemba, min. 56), Gelabert (Justin, min. 83), Corredera, Pablo Vázquez, Dubasin, Otero (Keipo, min. 83) e Kevin V.
Árbitro: Carlos Muñiz, do comité aragonés. Amoestou a Otero (min. 37), Villares (min. 39), Yeremay (min. 53) e Eddahchouri (min. 65)
Gol: 1-0 Dani Barcia (min. 88)
Incidencias: partido disputado en ABANCA-RIAZOR ante 25.221 espectadores
