RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Aguirre non cre que o Dépor estea a pasar unha fochanca; e pide "traballar desde a humildade" e "dar o máximo nivel"

Diego Aguirre confesou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que os xogadores branquiazuis están "bastante doídos por como sucedeu" o empate do pasado venres no estadio ante a SD Logroñés: "É un gol que che meten no último segundo. Non tes capacidade de reaccionar e quédache cara de parvo; pero estamos tranquilos porque sabemos que estamos a xogar ben. Temos as nosas ocasións, o outro día sete ou oito claras. Non as soubemos materializar e ao final no fútbol págase e o Logroñés sóubonos meter man".

Desvela que Borja Jiménez na última sesión de vídeo "ensinounos os fallos que cometemos, en que podemos mellorar. E tamén nos dixo que esteamos tranquilos, que ao final estamos a facer moitas cousas ben. É verdade que temos os nosos fallos, que estamos ao principio de temporada e estamos a traballar para eses fallos que temos corrixilos e cada partido seguinte que teñamos poder mellorar".

A nivel persoal, indica que "para todo xogador o non estar de titular leva un pouco mal; pero é unha competencia sa a que teño con Héctor. El está a un nivel incrible e é bo para o equipo. Se el está a este nivel e estanos achegando grandes cousas, non hai que reprocharlle nada e que siga facéndoo".

Diego Aguirre céntrase no traballo "día a día. Espero contar para Borja canto antes, e se el decide que salga desde o banco, pois axudar ao máximo aos meus compañeiros e achegar o meu grao de area".

Ante a SD Logroñés saíu desde o banco na segunda metade pero nunha situación máis avanzada no terreo de xogo, xusto por diante de Héctor no carril esquerdo. A este respecto opina que "traballo onde o míster me poña. Se teño minutos arriba pois hai que aproveitalos e dar o cento por cento. Nesta etapa futbolística que estou atópome máis cómodo atrás; pero son profesional, xoguei moito de extremo e será outra vez volver afacerme a recibir de costas, a movementos específicos que ten o extremo. Se teño que xogar aí, podo xogar".

O carrileiro branquiazul relativiza o empate da pasada xornada: "Por como empezamos todos pensamos que isto ía ser moi bonito, pero no fútbol de hoxe en día calquera rival pódeche pintar a cara. Temos que ser conscientes de que estamos en Segunda B, que somos o Deportivo pero co escudo non imos gañar. Temos que traballar desde a humildade, pensar que todos os partidos van ser difíciles e dar o máximo nivel. Se non estamos ao máximo nivel tocaranos sufrir".

É máis, non cre que este sábado haxa algo máis que tres puntos en xogo polo mero feito de chegar ao País Vasco despois do empate pasado: "Todos os partidos, leves dez vitorias ou once derrotas, hai que gañalos. Todos son igual de importantes. Imos coa idea de levarnos o tres puntos porque é a única meta. Calquera outro resultado vainos a doer".

Nesta liña, subliña que "fochanca non temos. O outro día xogamos ante Unionistas, que vai líder e ten un campo moi difícil de herba artificial, e competimos moi ben. O pasado venres (fronte á SD Logroñés) dominamos o partido. O único que nos fallou foron o últimos dez, quince minutos e que durante o partido non soubemos metela. É moi pronto para dicir que estamos nunha fochanca. Se seguimos nesta liña van vir cousas bonitas".

Do Real Unión de Irún, rival este sábado 9 de outubro no Stadium Gal (17:00 horas, Footters), apunta que "é un rival histórico, alí en casa son moi fortes. É un equipo que xoga ben. Nós traballamos os fallos que tivemos a fin de semana pasada para corrixilos, estar máis xuntiños, tentar ir alí a quitarlles o balón, a xogar o noso fútbol e a poder volver á senda da vitoria".