RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Alta intensidade para os futbolistas que non actuaron de inicio onte, que "sempre dan o máximo en cada adestramento"

O Dépor adestrouse esta mañá en Abegondo co cadro dividido en 2 grupos.

Os titulares onte no Estadio Carlos Tartiere de Oviedo tiveron unha xornada de recuperación. Estes futbolistas realizaron a primeira parte da sesión co grupo e a continuación pasaron ao ximnasio e á sala de fisioterapia.

Para o resto do cadro, incluídos os fabrilistas Hugo Ríos e Alberto, a mañá foi de alta intensidade, con rondos, un xogo de posición, unha tarefa de finalizacións e fútbol en espazo reducido.

Entre este grupo de xogadores estivo Hugo Rama, autor da asistencia onte a Ximo Navarro no gol do triunfo en Oviedo e polo que lle preguntaron a Óscar Gilsanz na rolda de prensa: "Os minutos de Hugo despois de moitos partidos sen eles é recoller o que el sementa cada día en Abegondo. É un xogador que tendo moi poucos minutos está a ter un nivel nos adestramentos moi alto". 

Tamén o propio Ximo Navarro confesou estar "contento" por Hugo Rama: "Volveu a Oviedo, que estivo aquí. Tivo a sorte de gozar de minutos hoxe. Saíu con moitas ganas. Viume chegar nese pase de gol que practicamente é seu. Estamos felices por el, por toda a xente que xoga menos. Son igual de importantes porque no día a día compórtanse fenomenal, sempre dan o máximo en cada adestramento. O fútbol ten estas cousas. O adestrador é o que elixe".

O lateral deportivista cre que os minutos finais onte "demostran que a xente está preparada para 5 minutos, 10 ou para ser titular. Estamos felices por todo o equipo".

Estiveron con traballo personalizado Escudero e Juan Gauto.

Mañá martes haberá xornada de descanso. O equipo regresa aos adestramentos o mércores 5 de marzo ás 11:00 en Abegondo.