RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Antonio Hidalgo afirma que "necesitamos a ANOSAFORZA" porque "cando nos empuxa como o vén facendo temos ese plus que sempre necesitamos"

Antonio Hidalgo subliñou na sala de prensa do Dépor Training Center "necesitamos a #ANOSAFORZA, que estea connosco como está sempre empuxando. Cando eles nos empuxan como o veñen facendo temos ese plus que sempre necesitamos. O outro día mesmo ao final do partido ABANCA-RIAZOR empuxou moitísimo, que é de agradecer". 

Da Real Sociedad B, rival este sábado 13 de decembro ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion) en ABANCA-RIAZOR, advirte que "propón moitísimo. O seu adestrador non para de dicir que están en etapa de formación e non de competición. A diferenza de puntuación entre en casa (18 puntos) e fóra (0 puntos) non ten explicación ningunha. Non pode ser que sumes tanto en casa e nada fóra. Temos que estar moi axustados, sabendo o que temos que mellorar respecto ao último día, ir no camiño no que viñamos ante o CD Castellón e tomar todo con moita normalidade".

Non ve o partido de Copa ante o RCD Mallorca deste martes 16 como un encordio no calendario senón que a competición copeira "ten algo moi bo. Todo o mundo ten a sensación de que vai participar nalgún momento. Tes a todo o mundo enganchado, enchufado e preparado para poder participar. Facía moitísimo tempo que non había unha 3ª eliminatoria no Dépor. Conseguímolo. Imos chegar ao partido de mañá sábado moi ben preparados e cando pase ese virá o de Copa, con moita ilusión".

Antonio Hidalgo avoga por "cadros curtos para que todo o mundo poida sentirse partícipe. A min gústame ter a todo o mundo enchufado, vivo. Se estás nun grupo é para participar e logo aceptar o rol que toca. Cando iso o levamos á máxima expresión é buenísimo para o grupo".

Finalmente, do mercado de inverno, o preparador branquiazul recalca que "teño un grupo de xogadores extraordinario. Temos variedade en moitísimas posicións e xogadores polivalentes", aínda que afirma que "o Dépor sempre ten que estar aberto a todo o que poida mellorar o que temos".