O Dépor mídese á Real Sociedad B este sábado 13 de decembro ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion) en ABANCA-RIAZOR, en partido correspondente á 18ª xornada en LaLiga Hypermotion.
O encontro estaba fixado inicialmente para o domingo 14 de decembro ás 14:00 pero debido ao sorteo de Copa del Rey e ao emparellamento co RCD Mallorca o martes 16, LaLiga adiantou o choque ante os realistas para respectar o descanso entre partidos.
Antonio Hidalgo lembra que "isto vai de persoas, non de institucións. LaLiga fórmana persoas e o Dépor fórmano persoas. Os prexudicados son persoas. Se tivésemos outra información planificásemos a semana de maneira diferente. Un dos grandes prexudicados é a Real Sociedad B, que ten que viaxar. Entre todos temos que ter unha previsión maior sabendo as diferentes circunstancias que poden cambiar calendario, como o Rayo e o Betis".
O técnico deportivista asegura que "isto está montado así. O partido preparámolo da mellor maneira posible con tempo suficiente e iso non vai ser nada que nos desvíe do camiño".
Os Nosos chegan ao encontro na 2ª posición de LaLiga Hypermotion con 32 puntos, os mesmos que a UD Almería (3º); e a 3 puntos do Real Racing Club, líder con 35 puntos.
Causan baixa para o encontro os lesionados Ximo Navarro, Escudero e Bachmann; ademais dos sancionados Lucas Noubi e Villares.
No caso de Luismi Cruz, o preparador branquiazul advirte que "adestrou onte xoves con total normalidade" e veo "nunha boa evolución".
Preguntado por Ximo Navarro, apunta que "se fose por el xogaría mañá. Hai que frearlle porque esa cicatriz ten que pechar ben, ten os seus tempos. Imos ir aos poucos. A evolución é moi boa e todo parece indicar que vai no camiño correcto".
O Dépor realizou esta mañá unha sesión de adestramento no Dépor Training Center, consistente principalmente nun repaso ao plan de partido e unha tarefa de finalizacións.
Brais Suárez, Quique Teijo, Noé e o internacional Samu foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Antonio Hidalgo, que aproveitou para enviar "un abrazo enorme a Damián Canedo polo que viviu e a Samu darlle o parabén por esa convocatoria", confirmou que Noé entrará na lista pola ausencia de Villares. "Está a traballar ben co filial, vén dunha lesión longa. É un 8 con esa condución que ten moi preto dos dianteiros. Ten traballo, sacrificio. É un xogador interesante ao que temos que coidar", apuntou Antonio Hidalgo do canteirán.
Pola súa banda, a Real Sociedad B marcha na 18ª posición con 18 puntos.
No que vai de temporada, os realistas lonxe de San Sebastián caeron co Málaga CF (1-0), UD Las Palmas (2-1), SD Eibar (2-1), Granada CF (5-2), Burgos CF (1-0), Real Racing Club (1-0), CD Castellón (5-4) e CD Mirandés (1-0).
O seu técnico, Ion Ansotegui, cre que o partido é "outra oportunidade que nos brinda a Segunda División de atoparnos cun contexto competitivo moi esixente, ante un equipo que por xogo é un dos mellores da categoría senón o mellor. Está moi preto de ter a 3 xogadores, os seus 3 mediaspuntas, de Primera División. Iso vainos a esixir moitísimo".
Dado que o partido deste sábado 13 de decembro arrinca ás 21:00 horas, Os Nosos realizarán unha activación pola mañá ás 11:00 no Dépor Training Center.
