RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Antonio Hidalgo: "Temos que agarrarnos a #ANOSAFORZA. Eles teñen que sentir que son a forza, o motor do Club"

Antonio Hidalgo quixo esta mañá na sala de prensa de Abegondo "lanzar unha mensaxe de apoio para os afectados polos incendios. É unha situación moi difícil a que están a soportar. Estamos con eles tanto eu como o Club. Mandámoslles un abrazo enorme, toda a forza do mundo. E tamén a todos os efectivos que están a traballar na extinción. Un abrazo enorme e esperemos que se pase pronto".

O técnico deportivista insiste ante o primeiro partido en ABANCA-RIAZOR nesta liga, o domingo 24 de agosto ás 17:00 ante o Burgos CF (Dazn e LaLiga TV Hypermotion), que "temos que agarrarnos a #ANOSAFORZA. Eles teñen que sentir que son a forza do Club, o motor do Club. Temos que ter unha comuñón incrible; facerlles ver e sentir que son fundamentais. Téñennos que levar polo aire neses momentos nos que seguramente os imos a necesitar. Ese sentimento de pertenza que hai na cidade que nolo dean, que estean ao noso lado, que sintan a fortaleza de que cando animen a Os Nosos vai ser moito máis sinxelo. Estamos con moitísimas ganas de ver o estadio cheo e de empuxar desde o primeiro minuto até o último; e sobre todo de sentirlles preto".

Nesta liña confesa sentir "moitísimas ganas" ante o seu primeiro partido oficial en casa: "Sei que hai montado unha serie de actos das peñas e estou encantado de que isto se palpe". "Teño moita ilusión sobre todo polo que vexo pola rúa, polo que me transmite a xente, que é unha forza enorme", engadiu.

A nivel futbolístico, o adestrador branquiazul explica que "tentamos montar unha estrutura que poida soportar diferentes situacións sobre todo co talento que temos arriba. A xente que temos arriba é diferencial e isto todo o mundo sábeo. A partir de aí a nosa marxe de mellora e o que me ocupa moitísimo é a mentalidade dos nosos xogadores, de loitar, de sufrir. Temos que ter esa sensación de necesidade, de que temos que ir ao límite cada momento para poder sacar 3 puntos cada semana".

Finalmente, confirmou que os capitáns serán Villares, Escudero, José Ángel, Ximo Navarro "e tamén estará Yeremay. Están a achegar desde a súa experiencia no vestiario".