RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ao Dépor ABANCA escápanselle dous puntos vitais na loita pola permanencia (1-1)

O Deportivo ABANCA viu como se lle escapaban dous puntos que gañaba con suor, nunha acción desgraciada mediado o segundo tempo, cando o xusto sería que o marcador fose bastante máis avultado que o pírrico 1-0 que sinalaba posto que a superioridade en xogo e ocasións sobre o Valencia CF Femenino fora plena até entón.

O partido arrancou da mellor forma posible para o Dépor ABANCA, que na súa primeira chegada, no minuto 2, adiantouse no marcador. Athenea internouse polo extremo dereito superando por velocidade a Berta Pujadas e centrou por baixo ao corazón da área, onde a ecuatoriana Kerlly Real non puido despexar o coiro e Alba Merino adiantouse a Enith Salón para levar o esférico ao fondo das mallas. A estremeña asinou así o seu sexto tanto, igualando con Athenea na táboa de anotadoras deportivistas desta campaña, que lidera Peke con só un gol máis.

A Valencia CF non acusou o golpe e tratou de responder con rapidez. No minuto 4, Marta Carro probouno cun disparo afastado que se foi alto. Tres despois, Candela Andújar desfíxose da marcaxe de Noelia Villegas e disparou ao entrar na área, pero seu tiro foise lixeiramente cruzado. Entre medias, Eva Dios colocou un preciso centro na cabeza de Peke, que non conseguiu dirixir a pelota cara á portería valencianista.

O partido entrou a partir de entón nunha fase de equilibrio e de pouco xogo nas áreas. Durante moitos minutos, os achegamentos limitáronse a accións a balón parado, faltas colgadas á área ou libres directos moi afastados. Todas estas xogadas, nunha e outra portería, foron ben liquidadas polas gardametas.

No tramo final, o Dépor ABANCA volveu despregar o seu mellor xogo, sobre todo grazas á velocidade de Athenea. A internacional gañou a liña de fondo no minuto 38. Aínda que o seu pase da morte atopou a chegada de Ainoa, a palentina, completamente soa, non colocou ben o seu pé esquerdo e rematou moi desviado.

As outras dúas claras ocasións que se produciron antes do descanso tamén naceron en xogadas de Athenea. A primeira no minuto 40, nun córner provocado por unha veloz acción da '7' branquiazul. O saque de esquina cabeceouno Gaby pero Enith repeleu o balón de milagre para evitar o tanto. A piques de chegarse ao tempo engadido, unha falta sobre Athenea na lateral da área colgouna Alba Merino cara ao segundo pau, onde Ainoa chegou desde atrás con claridade pero a súa cabezada perdeuse rozando o pau dereito da meta visitante.

O Valencia CF tratou de reactivarse tralo descanso con dous cambios, sobre todo de Esther, xa amoestada e por tanto ameazada coa expulsión polos constantes cara a cara con Athenea.

Precisamente a dianteira deportivista provocou, no minuto 50, a primeira opción de gol do segundo tempo. A cántabra provocou unha nova falta no costado dereito da área valencianista que lanzou Alba e Peke, completamente soa ao bordo da área pequena, cabeceou por riba do traveseiro. Un minuto máis tarde, a gran protagonista do partido bateu no bordo da área, con moita parábola, un rexeite curto da defensa visitante. O balón acabou estrelándose na parte superior do traveseiro. E case de inmediato, Peke viu como a colexiada, a instancias da súa asistente, anuláballe un gol nun remate no primeiro pau a centro por baixo de Cris desde o extremo dereito.

A piques de cumprirse a hora de xogo, Candela Andújar anotou un gol sensacional cun tremendo canonazo desde o bordo da área por todo o recanto. Pero a acción estaba invalidada por falta previa de Marta Carro a Eva Dios, que debido ao bloqueo da capitá valencianista non puido interceptar o córner xogado por baixo cara á rematadora.

Instantes despois, as branquiazuis dispuxeron doutra ocasión clara, nun barullo na área trala enésima falta lateral provocada por Athenea. O esférico quedou solto sen que Ainoa e Peke puidesen precisar os seus remates.

No minuto 70 chegou a desgraciada acción do tanto do empate. Cubedo cabeceou completamente soa un saque de esquina. A cabezada frouxa, con todo se envelenou co bote debido á enorme cantidade de auga que leva caendo sobre A Coruña e a súa comarca os últimos días, incluídos longos tramos deste partido, e escorregóuselle das mans a Sullastres para chegar mansamente ás redes da portería coruñesa.

O Dépor ABANCA acusou o golpe e tamén o paso dos minutos nun terreo tan pesado. E aínda así, tivo posibilidades de levar a vitoria, aínda que tamén de perder os tres puntos.

Ainoa tentouno de lonxe no minuto 74, pero o seu forte disparo detívoo con seguridade Enith. Tres minutos máis tarde, Jansen quedou soa ante Sullastres, aínda que algo escorada á dereita, despois dun balón longo que dianteiras e defensas deixaron botar. O potente dereitazo da neerlandesa desviouno Sullastres a córner nunha gran intervención. A porteira deportivista tamén evitou o tanto no minuto 83, nun centro-chute de Bea Beltrán que sacou de puños. O rexeite caeu na cabeza de Cubedo, cuxo remate bombeado levou o balón á parte superior da rede da portería herculina.

Os deportivistas sacaron forzas de onde non as había para ir con todo a por a vitoria nos minutos finais. Berta Pujadas cortou in extremis un servizo raso desde a dereita de, quen se non, Athenea que buscaba a Lady Andrade no minuto 86. Xa no tempo engadido, Athenea fixo un caño a Cubedo na liña de fondo e case sen ángulo disparou a porta. Cando o balón ía directo ao fondo das mallas despois de superar a Edith, atopouse coas pernas da súa compañeira Michelle Romero e saíu rexeitado cara a Gaby, cuxo zurdazo de socato repeleu Marta Carro.

Con este empate, o Deportivo ABANCA alcanza os 18 puntos, a 5 da zona de salvación, aínda que cun partido menos que todas as súas rivais directas.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, Blanco, Iris, Villegas, Eva Dios (Michelle Romero, min. 81), Alba Merino, Ainoa, Gaby, Peke (Lady Andrade, min. 77) e Athenea.

Valencia CF Feminino: Enith, Kerlly (Paula Guerrero, min. 61), Jiménez, Berta Pujadas, Esther (Bea Beltrán, min. 46), Candela Andújar, Anna Torrodà, Marta Carro, Salmi (Anita Marcos, min. 46), Ellen Jansen e Asun (Sandra, min. 75).

Goles: 1-0 Alba Merino (min. 2); 1-1 Cubedo (min. 70).

Árbitra: Peláez Arnillas (c. castelán-leonés). Cartón amarelo a Salmi (min. 11), Athenea (min. 27), Esther (min. 42), Jiménez (min. 49), Candela Andújar (min. 58) e Bea Beltrán (min. 60).

Incidencias: partido da 27ª xornada de Primera Iberdrola disputado en Abegondo con asistencia limitada a 150 espectadores debido á pandemia de COVID-19.