RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

As Nosas Cores: A DÉ Migración, camiseta galega do Dépor 23-24

Kappa, patrocinador técnico do RC Deportivo, presenta hoxe, da man do Club, o equipamento galego do Dépor 2023-2024: "A DÉ Migración", un deseño exclusivo entre ambas as entidades evocando, ao fío da histórica primeira viaxe do Dépor ao continente americano hai 70 temporadas, a lonxeva e estreita relación entre Galicia e o outro lado do Atlántico.

O Deportivo cruzou o Océano Atlántico en 1954 por primeira vez no seu case medio século de existencia, para disputar sete encontros amigables en tres países: Uruguai, Arxentina e Brasil, ante Nacional, Peñarol, Rampla Juniors, River Plate de Montevideo, San Lorenzo de Almagro, Flamengo e Fluminense, nunha viaxe que se prolongou durante mes e medio. Na expedición participaron varias lendas Deportivistas: Otero, Lestón, Zubieta, Cuenca, Botanita, Lechuga, Pahíño, Arsenio, o arxentino Corcuera ou o uruguaio Moll.

Estes tres países contaban con amplas colonias e asociacións galegas -diversos estudos estiman que ao redor dun millón de galegos 'cruzaron o charco' entre 1885 e 1930- que recibiron a visita deportivista como o acontecemento do ano. Así sucedeu, por exemplo, no único partido en Bos Aires, enmarcado nos festexos da Semana Galega na capital arxentina, que levou a uns 50.000 afeccionados a abarrotar o estadio de San Lorenzo un xoves ás 15.30 horas.

O anuncio de lanzamento da camiseta galega -que o Dépor lucirá por 10ª temporada consecutiva como uniforme alternativo- interpreta unha versión de 'Adiós ríos, adiós fontes', poema de Rosalía de Castro que reflicte a nostálxica despedida dun emigrante galego a América e que foi publicado o 17 de maio de 1863, data que anos despois foi escollida para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Os nomes de todos os países americanos que teñen entidades adscritas ao Rexistro da Galeguidade da Xunta de Galicia e os das nacións de orixe de todos os xogadores americanos da historia do Deportivo e do Deportivo ABANCA forman a franxa da bandeira galega: Arxentina, Bolivia, Brasil, Canadá, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, Estados Unidos, Haití, Honduras, México, Panamá, Paraguai, Perú, Porto Rico, Uruguai e Venezuela.

A franxa nesta ocasión aparece máis arriba e con menor inclinación e por primeira vez atravesa a manga dereita. Os detalles de pescozo, mangas e cintura son en azul mariño, como o mar que tantos galegos asucaron para buscar unha vida mellor alén do Océano. O escudo, de goma na parte esquerda, e o Omini de Kappa, en azul mariño na parte dereita, ocupan esa posición elevada distintiva de todas as pezas da marca italiana. O logo de Estrella Galicia completa, por décimosexta temporada consecutiva, a parte dianteira da elástica.

As costas son totalmente brancas. Tamén en azul mariño, as aplicacións de marca DIGI e ABANCA nas partes superior e inferior, respectivamente, enmarcan a zona para o nome e o número que, unha temporada máis, construiranse coa tipografía Carme RCD do deseñador galego Rubén Prol.

A DÉ Migración, a camiseta galega do Dépor para esta temporada, xa está a disposición do Deportivismo nas DéporTiendas de ABANCA-RIAZOR, Marineda City, rúa Real e en www.deportienda.es.

Fundada en 1967 en Turín por Maurizio Vitale, Kappa creou a súa primeira liña deportiva en 1978. Pouco despois foi a primeira marca en Italia en patrocinar un equipo de fútbol. Unha decisión estratéxica que a situou no mercado internacional. Nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles 1984, Kappa foi o patrocinador oficial do equipo de atletismo de Estados Unidos, cando Carl Lewis gañou catro medallas de ouro. Historia, deporte, tecnoloxía, innovación, deseño, estilo, orixinalidade, singularidade e futuro son os valores que definen a natureza da marca italiana que representan unha traxectoria repleta de fitos, como a creación da camiseta Kombat no 2000, a primeira que rompeu as regras do fútbol.