O RC Deportivo presenta da man de Kappa, principal spónsor técnico do RC Deportivo, o seu segundo equipamento para a temporada 2025-26. Cargada de historia e simbolismo, rende homenaxe á primeira participación do Club na Liga de Campións, da que se cumpren 25 anos. O Dépor volvíase a clasificar para competición europea (Copa da UEFA) na 1998-99, con Javier Irureta, e por primeira vez primeira accedía á Liga de Campións na temporada 2000-01.
Un deseño contemporáneo lembra os códigos do segundo equipamento da temporada 2000-01 e mantén como eixo central a icónica Rosa de los Vientos, obra do autor coruñés Tono Correa Corredoira, presente tamén na primeira camiseta. Na parte baixa da elástica obsérvase a presenza dun mosaico en diferentes tons que lembra á técnica empregada para elaborar a emblemática estrela de oito puntas situada ao pé da Torre de Hércules.
O deseño transporta ao espírito loitador e ambicioso que levou ao Dépor a relacionarse cos mellores equipos de Europa. En canto ás cores, esta segunda pel combina as cores vermello e azul mariño con elegantes detalles en dourado, como chiscadela aos éxitos e a grandeza que se vincula a esa época. Así, evoca a memoria colectiva dunha afección orgullosa, pero tamén representa unha mensaxe de ilusión e esperanza para o presente e o futuro do Club.
Deseñada por Kappa, a camiseta foi presentada xunto á curtametraxe "A Europa do Dépor", unha peza audiovisual que segue a dous afeccionados deportivistas de distintas xeracións, pai e fillo, mentres percorren as cidades onde o Club fixo historia, como París e Frankfurt.
Un deles viviu en primeira persoa a época dourada do Súper Dépor, un equipo lendario que marabillou a Europa con xogadores inesquecibles como Donato ou Mauro Silva. O outro, demasiado novo, só coñece estes capítulos gloriosos a través de relatos, vídeos e historias narradas por quen o presenciaron. Xuntos reviven a emoción daquelas noites máxicas e vitorias que acenderon ABANCA-RIAZOR e colocaron ao Deportivo na elite do fútbol europeo.
Os actores desta peza audiovisual posúen ADN deportivista e ambos defenderon o escudo do Club nos terreos de xogo. Trátase do fillo e do neto de Alfonso Castro (Ferrol, 1955), que militou nas filas do Dépor entre 1973 e 1982. Eles representan, na realidade e na ficción, unha familia vinculada ao Club, a súa historia e ambicións.
Xa está a disposición do deportivismo nas DéporTiendas de ABANCA-RIAZOR, Marineda City, rúa Real e en www.deportienda.es.
Fundada en 1967 en Turín por Maurizio Vitale, Kappa creou a súa primeira liña deportiva en 1978. Pouco despois foi a primeira marca en Italia en patrocinar un equipo de fútbol. Unha decisión estratéxica que a situou no mercado internacional. Nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 1984, Kappa foi o patrocinador oficial do equipo de atletismo de Estados Unidos, cando Carl Lewis gañou catro medallas de ouro. Historia, deporte, tecnoloxía, innovación, deseño, estilo, orixinalidade, singularidade e futuro son os valores que definen a natureza da marca italiana que representan unha traxectoria repleta de fitos, como a creación da camiseta Kombat no 2000, a primeira que rompeu as regras do fútbol.