RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Balenziaga: Hai unha ambición e unha ilusión que sentín desde o primeiro momento

Mikel Balenziaga Oruesagasti (Zumarraga, Gipuzkoa, 29 de febreiro de 1988) foi presentado esta mañá como novo xogador do Dépor para esta temporada.

Despois de pousar coa camiseta branquiazul no campo principal acompañado por Fernando Soriano, o novo defensor deportivista pasou pola sala de prensa de Abegondo.

O Director Deportivo do Club tomou a palabra en primeiro lugar e resaltou de Balenziaga que "vén de estar 12 anos no Athletic Club. Xogou no Numancia, Valladolid, Athletic e na canteira da Real Sociedad. Leva máis de 250 partidos en 1ª división, máis de 300 no Athletic, campión de 2 Supercopas... Desempeña a posición de lateral esquerdo. Pode xogar noutras posicións pero verdadeiramente esa é a súa ideal".

Pola súa banda, o defensor branquiazul asegura sobre a súa fichaxe que "non tiven que pensalo moito. Desde que se fixo esa chamada de Fernando na miña cabeza acendeuse, creouse moita ilusión. Era un proxecto moi ambicioso e a verdade é que non foi difícil dicir si ao Dépor".

Explica que sente motivado "polo reto que hai para este ano pero tamén a longo prazo no Club. Hai unha ambición e unha ilusión que sentín desde o primeiro momento, mesmo antes de fichar. Levo unha traxectoria moi longa e neste momento o que me pedía o corpo era un reto desta magnitude, un reto moi especial, xogar no Deportivo e con ganas de devolver ao Dépor onde se merece".

Balenziaga comenta que en Abegondo se atopou "cun vestiario e cuns compañeiros que me acolleron de marabilla. Creo que imos ter un moi bo vestiario. E logo tamén me atopei un Club que non ten ningunha envexa de todos os clubs nos que estiven. Este é un gran Club, un equipo histórico".

Resalta "o sentido de pertenza que ten toda a afección e toda a xente da Coruña co Club. É un club histórico, un club grande no que todos queremos que estea onde se merece e para min é un reto moi grande poder ser un equipo gañador, poder ir sumando puntos cada semana". 

Engade que "en España non hai moitos equipos como o Dépor que desde fóra se vexan así, que enchan o campo estean na categoría que estean. Iso para un xogador é importantísimo, que haxa unha unión coa afección e que ese sentimento se traslade a toda unha cidade e ao día a día".

Por outra banda, cualifica de "súper competitivo" o grupo no que quedou encadrado o Dépor en Primera Federación: "Imos ter que facer moi ben as cousas para poder estar aí arriba pelexando por todo. A competencia vai ser difícil pero estou seguro de que imos estar á altura".

A nivel persoal, confesa que "me estou atopando moi ben. Estamos a empezar a pretemporada. Fisicamente atópome ben".

Finalmente, Balenziaga conta que "sente realizado co traballo que fago durante o día a día. Para min o día a día é o máis importante, tentar axudar ao club, aos meus compañeiros a estar o máis arriba posible, sumar en cada adestramento, en cada partido. Teño esa fame de axudar, de tentar ser mellor día a día e de que o equipo poida ser mellor tamén ao longo da temporada".