RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
TERESA HERRERA

Bebeto leva ao Dépor sempre no meu corazón e Mauro sente alegría por estar onde fomos tan felices

Mauro Silva e Bebeto atenderon aos medios de comunicación na zona mixta de ABANCA-RIAZOR finalizado a súa homenaxe con motivo da LXXVIII edición do Trofeo Teresa Herrera.

O ex dianteiro deportivista, ataviado cunha bufanda branquiazul, confesou empezar " o día chorando, moi emocionado. Sabía que ía pasar iso porque A Coruña é unha cidade que considero como a miña casa. Eu xa estaba a preparar o corazón".

Asegura que "foi moita emoción desde a chegada até aquí. Esta xente é parte da miña familia, é a miña familia. Todo o agarimo pola rúa, en todos os lugares aos que fomos sempre co agarimo de todos e co Deportivo sempre no meu corazón. Quero axudar ao Dépor. Non é para estar na Terceira División. É unha vergoña para unha afección como esta. Pero creo que vai cambiar e vou apoiar moito para que o Dépor regrese á Primeira División que é onde debe estar sempre. Estou moi feliz de estar aquí e ademais con Mauro, o meu irmán que o fútbol e a vida deume. Estar aquí con el foi moi importante".

Desvela falar co Presidente, Álvaro García, para dicirlle que "se necesita algo, vou estar aquí. Non vou tardar tanto tempo en volver. E os meus fillos sempre dicían: 'papá, hai que volver á Coruña'. E hoxe é un día moi especial para min, para Mauro".

Precisamente Mauro Silva subliña que "xuntos tomamos a decisión no ano 92 de vir para A Coruña e volver aquí foi lembrar todo o que pasou, todas as conquistas, a Arsenio... É imposible non lembrar a Arsenio".

O que foi un dos grandes centrocampistas da historia do fútbol quixo "dar as grazas ao Club pola invitación, ao Presidente Álvaro García, a todo o Dépor que nos tratou moi ben, que nos recibiu con moito agarimo. Estivemos no Concello coa a alcaldesa Inés Rei, que nos tratou moi ben; con Fran, Manjarín, Donato, Barros, Suso, Juan Hermida, Ballesta, Lendoiro... Foi un momento moi especial. Estar aquí nesta cidade, neste Club onde fomos tan felices, que sempre nos tratou tan ben, é un motivo de gran alegría".