O mellor local no que vai de LaLiga Hypermotion, a SD Eibar, e o visitante, o RC Deportivo, víronse as caras este sábado 27 de setembro en Ipurúa, en partido correspondente á 7ª xornada.
O choque acabou con empate a un gol nun partido "cunha parte para cada equipo", tal e como manifestou en rolda de prensa pospartido Antonio Hidalgo.
Con este resultado, ao que o adestrador deportivista cualificou como "xusto", Os Nosos suman 15 puntos no liderado de LaLiga Hypermotion, a expensas do partido do Cádiz CF.
Como en todos os campos de España, houbo unha ruidosa representación de #ANOSAFORZA, nesta ocasión sobre uns 300 afeccionados que encheron a bancada destinada á afección visitante e repartíronse por todo o estadio.
Despois do triunfo da pasada fin de semana por 4-0 ante a SD Huesca en ABANCA-RIAZOR, o Dépor chegaba a Eibar como líder da táboa con 14 puntos, os mesmos do Cádiz CF.
Foi baixa David Mella, concentrado coa selección española sub-20 no Campionato do Mundo da categoría en Chile que arrinca este domingo 28.
A súa substitución no once inicial foi Stoichkov, con pasado na SD Eibar.
Así mesmo, José Ángel, que xa se adestra co grupo; José Gragera; e a última hora Escudero, cunhas molestias nun isquio, caeron por lesión.
Samu, Kike Fernández e Fabi foron os representantes de #ANOSACANTEIRA na citación.
Ao minuto de xogo, Mulattieri non acerta a rematar diante de Magunagoitia un pase co exterior de Yeremay desde a banda esquerda.
A SD Eibar saíu cunha presión alta, tal e como advertira en rolda de prensa Antonio Hidalgo.
Aos 11 minutos. o colexiado do encontro, Cid Camacho, sinalou penalti por unha patada que recibiu Stoichkov no area vasca ao adiantarse ao intento de despexe de Marco Moreno.
Yeremay transforma a pena máxima enganando a Magunagoitia.
Os locais deron un paso adiante e o Dépor comezou a facer dano á contra.
Mulattieri, aos 23 minutos, estrelou o balón no corpo de Magunagoitia.
Respondeu a SD Eibar cunha contra de Guruzeta, que se plantou na frontal da área deportivista pero o seu chute, con moita intención, foise lamendo o pau esquerdo da meta de Germán.
Yeremay, en banda contraria, márchase de Jair, entra na área e o seu remate sácao Magunagoitia con moitos apuros.
"Tivemos un gran inicio. Estivemos moi ben, sobre todo con balón. Axustamos moitísimo as súas situacións que van cambiando constantemente", resumiu Antonio Hidalgo.
Na recta final da primeira metade, en pleno arreón da SD Eibar, Guruzeta recibe na área e o seu disparo raso atállao ben colocado Germán.
De novo Guruzeta, noutro contragolpe eibarrés, dispara raso pegado o pau dereito da portería de Germán na xogada que puxo o punto e final aos primeiros 45 minutos.
Após o paso polos vestiarios, a SD Eibar deu un paso adiante en busca do empate coa entrada de Adu Ares e Aleix Garrido.
Precisamente Adu Ares xuta frouxo ás mans de Germán. Corría o minuto 47.
Yeremay tivo o segundo gol do Dépor nas súas botas nunha gran xogada de ataque deportivista. O canario recibe na área, regatea a Magunagoitia pero o seu remate estrélase no lateral da rede con todo a favor.
Na xogada seguinte, Adu Ares, noutra contra da SD Eibar, xuta raso e Germán desvía a saque de esquina nunha gran parada.
Corpas, no minuto 60, dispara ás mans de Germán.
Chegaba a SD Eibar con frecuencia aos dominios da meta deportivista. Bautista cabecea ás mans do porteiro branquiazul.
Antonio Hidalgo refresca ao equipo con Eddahchouri e Patiño por Mulattieri e Stoichkov, despedido cunha gran ovación pola bancada de Ipurúa.
Aos 67 minutos, Bautista revólvese na área, márchase do seu par e o seu remate de socato sácao co corpo Germán.
No saque de esquina seguinte, Loureiro saca baixo paus o remate da SD Eibar, que apertaba nesta fase do partido.
Aos poucos o Dépor conseguiu de novo equilibrar o xogo aínda que os armeiros seguiron empuxando.
"Modificaron a súa estrutura, empezáronnos a afundir, faltáronnos pernas", recoñeceu o preparador deportivista.
Case no minuto 90, Germán sacou a córner en espléndida parada unha cabezada de Bautista.
Tanto foi o cántaro á fonte que Adu Ares logrou a igualada no desconto ao rematar un balón no segundo pau que tropezou en Loureiro e despistou a Germán.
Concluíu Antonio Hidalgo que "sufrimos moitísimo. É un bo punto nun campo complicado. Beñat San José só perdeu un partido, ante o CD Mirandés, e cun xogador menos. Hai que darlle moitísimo valor".
SD Eibar: Magunagoitia, Cubero (Álvaro Rodríguez, min. 57), Sergio, Nolaskoain, Bautista, Guruzeta (Martón, min. 74(, Magunazelaia (Aleix Garrido, min. 46), Jair Jr., Corpas, Marco Moreno (Adu Ares, min. 46) e Buta (Alkain, min. 66)
Deportivo: Germán, Ximo Navarro, Loureiro, Dani Barcia, Quagliata, Villares (Rubén, min. 80), Mario Soriano (Arnau Comas, min. 72), Luismi Cruz (Cristian Herrera, min. 80), Yeremay, Stoichkov (Patiño, min. 64) e Mulattieri (Eddahchouri, min. 64)
Árbitro: Germán Cid Camacho, do comité castelán-leonés. Amoestou a Marco Moreno (min. 23), Corpas (min. 32), Buta (min. 64), Eddahchouri (min. 69), Germán (min. 72), Áleix Garrido (min. 74), Arnau Comas (min. 83), Loureiro (min. 84) e Rubén (min. 87)
Goles: 0-1 Yeremay, de penalti (min. 13); 1-1 Adu Ares (min. 90+3)
Incidencias: partido correspondente á 7ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en Ipurúa ante 5.980 espectadores
