RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Carlos Abad confesa "non dubidar nunca en vir" a un Dépor que considera "un dos grandes de España"

Carlos Javier Abad-Hernández Trujillo (Puerto de la Cruz, Tenerife, 28 de xuño de 1995) foi presentado esta mañá en Abegondo como novo xogador do RC Deportivo até 2022.

O meta canario, despois de posar ante os medios gráficos, asegurou que "desde o primeiro momento que souben que había interese real houbo pouco que pensar. Nin sequera tiven que mirar a categoría. Cando penso no Dépor penso que é un dos grandes de España. Non houbo dúbida en ningún momento en vir".

Cre que "é hora de dar un paso á fronte, de desvincularme do CD Tenerife e empezar a crecer noutro lado. Non hai mellor lugar que este para crecer futbolísticamente".

Confesa falar "con moita xente" sobre a súa fichaxe polo Dépor: "Non houbo unha soa persoa que me falou mal. Todo o mundo faloume moi ben. Felicitáronme porque vou estar nun bo sitio, unha grandísima afección. Desde que cheguei estou a comprobalo".

Carlos advirte que "sexa o formato de competición que sexa pola nosa cabeza non hai outra cousa que ascender a Segunda División, que é onde deberiamos estar agora mesmo. Xa desde o primeiro día de adestramento estamos a pelexar para volver a Segunda".

Tamén é consciente que o Dépor será o rival a bater: "Ao final todo o mundo considéranos equipo punteiro da categoría. Temos que render como tal. Non nos entra na cabeza fallar. Imos ir cada partido a gañar, con todo o que teñamos. A idea é gañar todo".

Nesta liña, considera "obvio" que o obxectivo principal é devolver ao Deportivo ao fútbol profesional, "pero hai que ir paso a paso. Non podemos pretender no primeiro partido da temporada estar xa en Segunda. Como se adoita dicir, partido a partido e ser regulares durante toda a temporada para chegar ao final nas mellores condicións e poder lograr o obxectivo", apunta.