RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carlos Doncel afirma na súa presentación que ante o RM Castilla "gustoume moito o equipo, moi serio, coas ideas bastante claras"

Carlos Doncel Ordóñez (Cabrera de Mar, Barcelona, 4 de decembro de 1996) foi presentado esta mañá en Abegondo como novo xogador do RC Deportivo para as dúas próximas temporadas.

Acompañado polo Presidente do Club, Antonio Couceiro, posou en primeiro lugar para os medios gráficos coa súa nova camiseta no campo principal da Cidade Deportiva. A continuación, o atacante catalán respondeu as preguntas dos medios de comunicación.

Explica que era un xogador con contrato no Real Valladolid: "Empecei a pretemporada alí, pero eramos moitos xogadores, 39 en cadro. A miña intención era recalar noutro equipo, ter máis minutos dos que tería alí. Cando me chamou o Deportivo, é o Club que é. A pesar de ter outras opcións vin aquí. Sei onde veño e o obxectivo que ten o Deportivo. Foi unha decisión difícil, pero ao final foi esta e creo que foi a acertada".

Recoñece que tiña opcións de fichar por algún Segunda División "pero non había nada sobre a mesa. O Deportivo si tiña toda a confianza en min. Demostroumo así. Tardei un día e medio en decidirme".

Aínda que admite que a súa fichaxe polo Deportivo sexa "un paso atrás de categoría", despois de militar a pasada temporada na SD Ponferradina de Segunda División, "como Club é dar dous pasos cara a adiante. O Deportivo está agora mesmo en 1ª RFEF, pero ten que ir cara arriba; e canto antes mellor".

Confesou falar "cando case estaba todo pechado" co ex deportivista Edu Expósito, con quen coincidiu no CF Damm. "Comentoume que ía estar moi ben aquí, que ía gozar moito. Todo cousas boas sobre A Coruña e o Deportivo", apuntou.

Subliña que toda a súa carreira xogou en banda dereita "até estes dous últimos anos que xoguei en banda natural (a esquerda). Así que me podo adaptar perfectamente ás dúas bandas".

Após adestrar o sábado 14 cos seus compañeiros por primeira vez en ABANCA-RIAZOR, puido seguir o domingo desde a bancada o último amigable xogado, ante o Real Madrid Castilla: "Gustoume moito o equipo, moi serio, coas ideas bastante claras. Fóronse probando cousas, diferentes sistemas. É pronto para saber onde estamos pero gustoume moito as sensacións que transmitiu o equipo". "Gustoume que tiña iniciativa de balón, tívoo moito tempo. Arriscaba na presión, que a min tamén me gusta. Recuperar canto antes o balón para volvelo a ter e así poder crear ocasións. O importante é que o equipo tivo a iniciativa, tiña as ideas claras con balón. Estamos en pretemporada pero aínda queda moita marxe, moitísima, de mellora", engadiu.