RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Dani Barcia pensa que "temos moi bo equipo" e Ximo Navarro cre que "estamos capacitados para loitar por todo"

Dani Barcia e Ximo Navarro pasáronse pola zona mixta do Estadio de Butarque concluído o CD Leganés - Dépor co que se puxo o punto e final á 3ª xornada en LaLiga Hypermotion.

O central coruñés manifestou que o primeiro gol do CD Leganés aos 15 segundos de partido "non pode volver repetirse. Na primeira parte custounos bastante. Metían a moita xente diante, os balóns sempre caían a eles. Na segunda parte reaccionamos ben e ese é o camiño".

Opina que "temos moi bo equipo pero nesta categoría temos que dar o 100% como na segunda parte".

Pide Dani Barcia "traballar cada semana ao máximo. Cada equipo pódenos complicar moito e máis os que veñen de Primera División, que teñen moi bo equipo".

Pola súa banda Ximo Navarro afirmou que o empate supuxo "un bo punto fóra de ABANCA-RIAZOR. A primeira parte foi complicada a pesar de ter 3 ocasións claras para facer gol. Non o fixemos. Eles aos 15 segundos adiántanse nunha xogada desafortunada. A partir de aí ponse o partido moi costa arriba contra un equipo de moita calidade".

Apunta que após o descanso "tiramos para adiante e conseguimos ese punto".

Admite o defensor deportivista que "os cambios saíron ben. Había que ser moi valentes, correr moitos riscos atrás, defendendo man a man. O equipo demostrou moito carácter nun campo complicado".

Finalmente Ximo Navarro recalca que co peche do mercado "hai bo equipo. Reforzámonos moi ben con xogadores de nivel da categoría. Viuse que cos cambios sobe o nivel do equipo para a segunda parte. Isto vai de facerllo difícil ao adestrador. Hai un cadro moi bo e estamos capacitados para pelexar por todo".