RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

David Mella, que veu ben, xa está ás ordes de Imanol Idiakez

David Mella foi a novidade no adestramento do Dépor esta mañá no campo 3 de Abegondo. O canteirán, que regresou onte mércores da concentración da selección española sub-19 en Eslovenia, xa está ás ordes de Imanol Idiakez a 2 días de visitar á UE Cornellà, este sábado 30 de marzo ás 16:00 na Cidade Deportiva Dani Jarque (FEF TV).

Iso si, o futbolista branquiazul volve despois de xogar practicamente todo con España posto que foi titular nos seus 3 partidos no Mini Torneo Elite: xogou os 90 minutos ante Eslovenia, ante Kósovo foi relevado no minuto 77 e fronte a Austria xa no desconto.

En rolda de prensa, Imanol Idiakez afirmou que "veu ben. Xogaron antonte. Día e medio tivo sen facer nada, para a viaxe. Atopeimo mellor do que esperaba despois da cantidade de minutos que lle deron".

Con Lucas con adestramento personalizado, o corpo técnico dispuxo hoxe unha activación con rondos, un exercicio de ataque e un ensaio do plan de partido na sesión forte da semana.

Sobre o dianteiro coruñés, o técnico deportivista mostrouse ante os medios de comunicación pesimista sobre a súa participación: "Creo que non vai estar aínda. Está a mellorar, está a adestrar pero aínda ten algunha molestia. Igual mañá veño e atópome cunha sorpresa pero en principio creo que non", apuntou.

Martín Ochoa e Rubén López foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.

Mañá venres 29 de marzo o adestramento adiántase media hora. É dicir, os futbolistas saltarán ao céspede ás 10:30 en lugar da as 11:00, o horario habitual, porque, ao concluír, Os Nosos partirán de viaxe a Barcelona.