Davo asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "o vestiario está unido, está ben. Cada vez que nos pasan cousas tentamos aprender do que nos ocorre. Somos conscientes de que teriamos que levar algún punto máis dos que levamos, por merecementos do equipo".
Non se marca un número de puntos até o parón do Nadal porque "imos partido a partido. A xornada pasada picaron unha chea de equipos de arriba e vai volver a pasar porque son dinámicas. Imos ter as nosas oportunidades de engancharnos aí".
Da falta de gol, cre que "estamos a facer todo o posible para meter máis. Estamos a xerar unha chea de ocasións, tirando a porta... O outro día contra o Osasuna Promesas tiramos 22 veces ou algo así. Estamos a facer as cousas ben, estamos a traballar ben, a sensación do equipo é boa".
Recoñece o dianteiro deportivista, iso si, que "agora non nos está entrando. Teremos que traballar máis niso e seguir", concluíu.
Sobre as protestas da bancada de ABANCA-RIAZOR após o empate do pasado domingo, Davo pensa que "#ANOSAFORZA pode opinar o que considere. O Dépor ten que estar máis arriba, entón podo entender esa frustración, pero eu creo que os pitos non axudan. Non se se eles cren que poden axudar para motivarnos. O equipo está a traballar ben, estamos a demostrar que queremos gañar cada partido".
Preguntado sobre Imanol Idiakez, subliña que "nós estamos co míster a matar" e, nesta liña, engade que "estamos súper contentos. Traballa moi ben e moito. O ambiente do vestiario co míster é bo e vai seguir séndoo porque traballa moi ben".
Finalmente, ve o partido deste domingo 3 de decembro ás 17:00 (FEF TV) no Estadi Johan Cruyff ante o FC Barcelona Atlètic como "un bo punto de inflexión para cambiar a nosa dinámica. Ir a Barcelona con todo, sacar unha vitoria pode ser un punto de inflexión para mirar cara arriba. É un bo equipo. Os filiais xogan ben e o Barça é un dos que mellor o fan. Imos alí con todo, con ganas de gañar, e a demostrar que somos o Dépor".