O Dépor rende visita mañá sábado ás 17:00 horas á Real Sociedad B en Zubieta (FEF TV) en partido correspondente á 37ª xornada (penúltima) no grupo 1º de Primera Federación.
Os resultados da pasada fin de semana, co triunfo en ABANCA-RIAZOR ante o FC Barcelona Atlètic (1-0), deixaron a Os Nosos xa en Segunda División como campións de grupo con 74 puntos por 67 do filial azulgrana, 2º na táboa.
Por conseguinte, o equipo branquiazul chega a esta cita despois dunha semana de celebracións e visitas institucionais á Deputación da Coruña e á Xunta de Galicia; ademais da ABANCA e ao Museo de Estrella Galicia.
Onte en rolda de prensa, Imanol Idiakez subliñou que "mañá (por hoxe) pómonos un pouquiño serios porque máis aló de que conseguísemos o obxectivo hai que defender a camiseta vaiamos onde vaiamos e nas circunstancias que sexan".
Será baixa por sanción Lucas Pérez após ver o seu 5º cartón amarelo a pasada fin de semana; e por lesión Hugo Rama e Germán Parreño, este a consecuencia dunha fractura de radio sufrida ante o Barça B.
O adestrador branquiazul manifestou onte sobre a portería que "aínda non me deu tempo a pensar como o vou a facer porque é verdade que me gustaría que os dous tivesen minutos. Temos 4 partidos por diante e seguramente entre hoxe (por onte) e mañá (por hoxe) parareime a pensar tranquilamente, a analizar e a decidir o que quero facer porque por encima todo quero que compitamos e quero que vaiamos a polos partidos. Iso téñoo claro".
O Dépor realizou esta mañá unha última sesión de traballo antes de partir de viaxe por estrada a Zubieta. Debido á XVIII edición do Torneo RC Deportivo benxamín e prebenxamín na Cidade Deportiva, Os Nosos trasladáronse a ABANCA-RIAZOR.
O corpo técnico branquiazul dispuxo unha activación con roldo e un ensaio do plan de partido na segunda sesión de traballo da semana con todo o cadro.
Rubén López e Martín Ochoa serán os representantes de #ANOSACANTEIRA.
No partido de ida disputado en ABANCA-RIAZOR o pasado 3 de xaneiro venceron os deportivistas (2-1) aos donostiarras con dobrete de Lucas Pérez.
Aí empezaría o conxunto de Imanol Idiakez unha impresionante xeira con só unha derrota desde aquel partido, a do Reino de León ante a Cultural Leonesa unha semana despois. A partir de aí, 14 vitorias e 3 empates que devolveron ao Dépor ao fútbol profesional.
Pola súa banda, o filial realista, que a pasada fin de semana perdeu (1-0) co Unionistas de Salamanca CF, é 10º con 47 puntos.
En Zubieta esta temporada a Real Sociedad B gañou á SD Tarazona (1-0), FC Barcelona Atlètic (1-0), CF Rayo Majadahonda (2-0), SD Logroñés (1-0) e CF Fuenlabrada (2-0); empatou co Unionistas de Salamanca CF (1-1), CD Lugo (1-1), Cultural Leonesa (0-0), CD Arenteiro (2-2), Real Unión de Irún (2-2), CA Osasuna B (2-2), CD Teruel (2-2) e Celta Fortuna (0-0); e perdeu coa SD Ponferradina (1-2), Nástic de Tarragona (0-2), CE Sabadell FC (0-1), UE Cornellà (1-2) e Sestao River (2-3).