RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Diego Gómez asegura que agora "a consigna é competir, tentar gañar os partidos e facerlles pasar boas tardes de fútbol a ANOSAFORZA"

Diego Gómez pasouse pola sala de prensa de Abegondo esta mañá.

Pensa que nesta recta final de LaLiga Hypermotion "os partidos que quedan son bonitos. O Granada CF é un grandísimo equipo. O Zaragoza é un mítico da categoría. Son partidos bonitos para xogar, para ver porque vai haber esa emoción de que o Granada se ten que meter no play off, o Zaragoza está a xogarse as castañas..."

Advirte que a consigna do Dépor é "competir en todos os partidos. Aínda que agora mesmo logramos o obxectivo e non nos xogamos en teoría nada a consigna é competir, tentar gañar os partidos que nos quedan e facerlles pasar boas tardes de fútbol a #ANOSAFORZA".

Diego Gómez subliña que "o obxectivo do equipo era claro este ano, a permanencia, para asentarse. O ano que vén iremos con todo para mellorar os resultados e meternos aí arriba".

Titular a pasada fin de semana en El Molinón, dixo sentirse "ben, moi contento de poder xogar máis minutos, de poder achegar asistencias ao equipo".

Así pois, atopouse "ben, con confianza. É un gran estadio, houbo un gran ambiente. Darlle as grazas aos desprazados por ir animarnos. Noteime ben, foi unha tarde bonita de fútbol. Unha pena o resultado".

Nesta liña, o atacante ourensán tenta "aproveitar todos os partidos, aproveitar ao máximo os minutos que me dean para obter números, para mellorar o teu xogo e coller confianza para o ano que vén".

Admite que "me custou un pouco adaptarme pero agora teño plena confianza. O míster confía en min e estoulle moi agradecido. Cada día nótome mellor". "Ao vir de xogar todo en Primera Federación, nun equipo que non ten tanta masa social (o CD Arenteiro), que é como unha familia, a pasar ao Dépor, que é un transatlántico da categoría, con presión, custa un pouco ao principio. De pasar a xogar todo a ter un rol máis secundario custa á cabeza dun futbolista. Coa axuda do psicólogo e do míster fun mellorando. Agora estou moi contento", explica.

Finalmente preguntado polo seu futuro, o canteirán lembra que ten "un contrato de longa duración, até 2030. Estou moi tranquilo. Estou onde quero estar, o Club demostroume que me quería".