RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Diego Gómez e a súa "felicidade máxima" ao volver ao Dépor

Diego Gómez Pérez (31 de xullo de 2004, Amoeiro, Ourense) atendeu este mediodía aos medios na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR confirmada a súa renovación até 2030.

En primeiro lugar pousou para os medios gráficos no céspede acompañado por Fernando Soriano, Director de Fútbol do RC Deportivo.

Xa ante os medios, desvela que recibiu a chamada do Dépor "comendo en Ourense. Coméntanme que teño que volver e felicidade máxima. Xogar no Deportivo é o meu soño e se me fun cedido é para nalgún momento poder volver. Dixéronme que había opción que volvese e felicidade máxima".

Fernando Soriano explica que "a saída de Lucas deixou unha vacante no equipo. Tiñamos pensado buscar un reforzo. Aos cedidos pídeselles esa progresión que a Diego lla estabamos vendo día a día. Non baixara o nivel en ningún momento. O míster colabora nesa decisión de ver que estaba preparado para dar ese salto".

Destaca a "predisposición do mozo. Lembro unhas palabras a principio de temporada sobre se buscar unha cesión xa ou empezar co equipo. Acórdome unha frase que nos dixo: 'eu o que quero é xogar no Deportivo, canto antes mellor e da mellor forma. Se o paso que me vai a axudar é irme cedido dareino pero quero que saibades que o meu soño é xogar aquí'. A chamada de decembro para que volvese foi rapidísima. Nin o pensou".

Pola súa banda, Diego Gómez sente "orgullo por poder defender a camiseta do Dépor. É moi especial para min e estou moi orgulloso".

Acórdase desde "a miña avoa que foi o meu principal apoio desde pequeno até os meus pais, que veñen todas as fins de semana a verme aquí a ABANCA-RIAZOR. E de toda a xente que me axudou a chegar até aquí".

O centrocampista branquiazul afirma levar "con naturalidade" o seu regreso: "Saio cedido ao CD Arenteiro, que é unha categoría menos, a coller minutos, confianza. As cesións fanse para coller nivel e poder regresar ao equipo do que saes cedido. Deuse neste mercado e encantado de estar aquí".

É consciente que "subo unha categoría, a esixencia é maior, e encantado de estar aquí e axudar ao equipo".

Asume "ben" o ter menos minutos "ao estar na Coruña, que é onde quero estar. Sei que é difícil. Estou centrado en min, en adestrar, en mellorar e cando teña a oportunidade collela e axudar ao equipo".

Diego Gómez nota á súa volta que "a Cidade Deportiva está a pegar un cambio espectacular para ben. Ponnos todos os medios que neesitamos para facelo o mellor posible. Nese aspecto noto unha gran mellora".

Finalmente, vese ao seu regreso e após xogar asiduamente co CD Arenteiro en Primera Federación con "unha mellora evidente. Son un xogador moito máis maduro. O ano pasado non xogara practicamente en Primera Federación. Este ano nestes primeiros 6 meses tiven a sorte de ter minutos e facelo ben. Notei unha mellora e aínda a noto agora. A Segunda División é un pasiño máis. Noto unha esixencia maior e cando salto ao campo nótase ese ritmo".