Os Nosos regresaron este mércores pola mañá ao Dépor Training Center despois de eliminar da Copa del Rey a un 'Primera', o RCD Mallorca, cuxos mellores momentos podes ver no vídeo debaixo destas liñas.
Jose Gragera, na zona mixta, asegurou non obstante que "agora a mentalidade do grupo é Andorra e non saírnos de aí", en referencia ao partido deste sábado 20 de decembro ás 14:00 (LaLiga TV Hypermotion) no Nou Estadi Encamp.
O mediocentro deportivista quere "acabar ben o ano, facer un bo partido, conseguir a vitoria, volver atoparnos cos 3 puntos en liga que é súper importante; e logo descansar, cargar pilas e que toque quen queira en Copa".
Os titulares ante o RCD Mallorca realizaron con todo o grupo a activación antes de pasar a tarefas de recuperación.
Para o resto, houbo ademais un xogo de posición e fútbol en espazo reducido.
Escudero está con adestramento personalizado mentres que Noé, Bil, Quique Teijo e Fabi foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Este xoves o Dépor volve ao Dépor Training Center a partir das 10:30 horas.
