Dous vellos coñecidos que se disputaban temporadas atrás o liderado do desaparecido grupo 1º de Primeira Nacional, antesala da Primera Iberdrola, Deportivo ABANCA e Oviedo Moderno CF, vólvense a atopar mañá sábado 20 de novembro ás 19:00 en Abegondo, en partido correspondente á 10ª xornada no grupo norte de Reto Iberdrola retransmitido en directo por TVG2.
Ademais da rivalidade deportiva, do equipo ovetense chegaron a Abegondo futbolistas da talla de Iris Arnaiz, ex capitá branquiazul agora nas filas da Real Sociedad, ou María Méndez, integrante do mellor Deportivo ABANCA da historia; e milita actualmente a porteira ex deportivista María Miralles.
As branquiazuis chegan ao partido despois de derrotar no Centro Deportivo Wanda Alcalá de Henares ao Atlético de Madrid B (2-3), sumar 22 puntos e situarse a tan só 2 puntos do líder, FC Levante Las Planas, que caeu a pasada fin de semana ante o CD Pradejón (1-2) e quedou con 24 puntos.
En Abegondo, o vestiario do Dépor ABANCA levou ademais esta semana a alegría da convocatoria de Ainhoa Marín para disputar un amigable ante Noruega coa selección española absoluta promesas (sub-23).
Miguel Llorente conta coas baixas de Alba Merino e Eva Dios, esta con molestias nas súas aductores. Aroa Guerra será a representación de #ANOSACANTEIRA na lista de 18 convocadas.
Pola súa banda, o Oviedo Moderno CF, que a pasada semana tombou ao Athletic Club B (1-0) no seu campo HFE Tensi, é sétimo con 16 puntos. Lonxe de Oviedo, as carbayonas sumaron dúas vitorias ante DUX Logroño (1-2) e Real Sporting de Gijón (0-1); e dúas derrotas ante FC Levante Las Planas (4-1) e CD Pradejón (4-2).
Álex Rodríguez, técnico oviedista, destacou en rolda de prensa do Dépor ABANCA que "ten excelentes xogadoras desexadas pola totalidade de Reto Iberdrola: Inés, as dúas porteiras tanto Ana como Sampalo, Jone, María Ruiz... Ten un grupo de xogadoras moi interesante, moi desexadas por todos os equipos. En todos os equipos serían xogadoras clave. Formaron un excelente conxunto, un excelente grupo. Aí están os seus resultados".
No entanto, cre que o seu cadro "está moi contento, nun estado que é o que che dan as vitorias. Vimos de tres ou catro semanas realmente boas non só en canto ao resultado senón ao rendemento das xogadoras. Todas tiveron a súa cota de participación, sacaron os partidos, sacaron adiante a eliminatoria de Copa, co que o estado de ánimo é fabuloso. Temos un reto importante por diante antes deste parón. Non sei se é un dos mellores momentos do equipo pero si é un moi bo", advirte.
O Club mantén activo o protocolo de apertura con aforamento completo e rexistro de asistentes da Cidade Deportiva de Abegondo para o partido.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todas as persoas socias do Real Club Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir o seu ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición, acceso e localización na instalación.
O Club solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completada a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
Todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado para poder ter a todos os afeccionados localizados en caso de rastrexo por COVID-19. Tamén por protocolo COVID cada asistente deberá portar máscara en todo momento e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños).
Finalizado o choque, o Dépor ABANCA adestrarase de novo o domingo 21 de novembro ás 10:30 en Abegondo.

