Elena Vázquez participa na clasificación definitiva de España para a Fase Final do Europeo sub-17
Foto: - RFEF -
A canteirá deportivista Elena Vázquez disputou en Serbia coa selección española sub-17 a Rolda 2, xa definitiva, de clasificación para o Campionato de Europa.
Dinamarca, Serbia e Bielorrusia foron os rivais. O campión deste grupo accedeu á Fase Final do Europeo, que se xogará en Estonia do 14 ao 26 de maio.
España e Dinamarca, ambos con 2 vitorias nas dúas primeiras xornadas e por conseguinte con 6 puntos, xogáronse hoxe sábado, na 3ª xornada desta Rolda 2 de clasificación, unha praza na Fase Final do Campionato de Europa.
Cunha mellor diferenza de goles, ás españolas lles valía un empate fronte ás danesas para selar a súa clasificación.
Con todo, e coa participación de Elena Vázquez (na foto de pé terceira empezando pola dereita), España derrotou a Dinamarca (3-1) e selou a súa clasificación.
O pasado domingo, ante Bielorrusia na 1ª xornada, Elena Vázquez seguiu desde o banco un choque que acabou en goleada española: 6-0.
A segunda cita foi o mércores no Sports Center da FA Serbia, ante as anfitrioas do torneo. Gañaron claramente as españolas (0-5) e a defensora do Dépor ABANCA B saltou ao céspede no minuto 58 en substitución de Daniela Martínez, con 0-3 no marcador.
Os resultados da selección española nesta Rolda 2 de clasificación foron os seguintes:
Domingo 12 de marzo ESPAÑA 6 - BIELORRUSIA 0
Mércores 15 de marzo SERBIA 0 - ESPAÑA 5
Sábado 18 de marzo ESPAÑA 3 - DINAMARCA 1
A consecuencia deste torneo coa selección española sub-17, Elena Vázquez foi baixa na visita do seu equipo, o Dépor ABANCA B, hoxe sábado ao Olímpico de León en partido de liga en Primeira Nacional.