O Dépor ABANCA concluíu a primeira volta da Liga F cun empate (1-1) este domingo 11 de xaneiro en ABANCA-RIAZOR ante o UD Costa Adeje Tenerife.
Con este resultado, As Nosas mantéñense na 13ª posición con 14 puntos.
Fran Alonso lembra que "un punto ante un equipo que vai 5º, que perdeu só 2 partidos creo que é meritorio".
A mañá arrincou con boas noticias co regreso de Paula Monteagudo á convocatoria após superar a súa lesión.
Coa baixa de longa duración de Henar Muiña, Paula Novo, Lucía Rivas e Redru foron as representantes de #ANOSACANTEIRA.
Pola súa banda, o UD Costa Adeje Tenerife presentábase na Coruña con novo adestrador, Yerai Martín, e en 5ª posición con 24 puntos; iso si, sen unha das súas mellores xogadoras, Amani Bernadette, que xogará no Bayern de Munich.
A primeira ocasión do encontro foi para a canaria Gramaglia, cuxo remate marchouse lixeiramente alto após un centro por banda dereita.
Con todo golpeou primeiro o Dépor ABANCA.
Nunha mala saída de balón do UD Costa Adeje Tenerife, o balón, após pasar por Ainhoa Marín, acaba nos pés de Millene. A brasileira regatea ao seu par e dispara lonxe do alcance de Nay Cáceres.
Tentou igualar o cadro canario con outro remate alto de Gramaglia, a xogadora máis perigosa. No entanto, a posición da atacante tinerfeña era antirreglamentaria.
No tramo final da primeira metade, Espe Pizarro, que recuperaba a titularidade, xutou raso á dereita da portería de Nay Cáceres.
Se a boa noticia era Monteagudo, a mala protagonizouna Millene.
A brasileira, que se escapaba con velocidade en dirección a Nay Cáceres recibe unha carga de Patri Gavira, que a derruba. Na súa caída en posición forzada, a deportivista magoouse no seu ombreiro dereito. Foi retirada en padiola do terreo de xogo entre a ovación de ANOSAFORZA e trasladada ao Hospital Quirónsalud para ditaminar o alcance exacto desas molestias.
"O corpo médico confirmounos que é un problema de clavícula. Desde aquí desexar de corazón que non sexa nada e que podamos contar canto antes con ela", afirmou o adestrador do Dépor ABANCA.
A dianteira deportivista foi relevada por Lucía Rivas.
A primeira metade acabou cunha xogada persoal de Ainhoa Marín na liña de fondo. Tapada por varias defensoras, o seu remate forzado estrelouse no lateral da rede.
Após o paso polos vestiarios, Fran Alonso releva a Samara, amoestada, por Paula Novo no lateral dereito.
A primeira ocasión foi deportivista. Espe Pizarro remata ás mans de Nay Cáceres un centro de Lucía Rivas.
Esa xogada foi clave para o técnico deportivista, que opina que "cun pouco máis de sorte puidésemos sacar os 3 puntos".
Reacciona o banco do UD Costa Adeje Tenerife.
No minuto 65, Koko substitúe a Paola e o partido cambiou.
Fran Alonso admitiu que "no segundo tempo apertaron, atoparon as costas, sobre todo coa entrada de Koko".
Clau Blanco empata o partido no minuto 67. "Xusto cando estabamos a axustar veu o seu gol", lamentouse o preparador branquiazul.
A tinerfeña recolle un balón no segundo pau e colócao con clase lonxe do alcance de Inês Pereira.
O partido acabou en táboas e Fran Alonso fala de "bo punto". Queda coa reacción do equipo "a 2 situacións que nos afectaron bastante: o de Millene que estaba a xogar moi ben, estaba a darnos moito; e o cartón a Samara, polo que tivemos que facer un cambio".
Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara (Paula Novo, min. 46), Raquel, Elena (Marina Artero, min. 77), Vera, Lucía Martínez, Paula Gutiérrez, Olaya (Redru, min. 74), Ainhoa Marín, Espe Pizarro (Bárbara, min. 77) e Millene (Lucía Rivas, min. 45)
UD Costa Adeje Tenerife: Nay Cáceres, Cinta, Paola (Koko, min. 65), Ouzraoui (María José, min. 80), Aleksandra, Castelló, Ramos, Clau Blanco, Elba, Patri Gavira e Gramaglia
Árbitro: Ainara Andrea Acevedo, do comité catalán. Amoestou a Koko (min. 76) e María José (min. 87)
Goles: 1-0 Millene (min. 11); 1-1 Clau Blanco (min. 67)
Incidencias: partido disputado en ABANCA-RIAZOR co que se pechou a primeira volta de Liga F.
