RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Escudero viu penalti no agarrón a Villares e Yeremay fala de Massimo Benassi como "a persoa perfecta para levar ao Dépor a Primera"

Sergio Escudero e Yeremay pasáronse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR após o enfrontamento ante o Granada CF.

O lateral deportivista cre que na acción de Villares "hai un agarrón que lle impide xutar. É ocasión clara manifesta de gol. Para min é penalti. Logo vén a contra que acaba no gol do Granada CF. Moitas veces non sei en que se basean as decisións".

A nivel persoal, confesou "en primeiro lugar estar moi contento por chegar a este final de temporada. Ao principio dixéronme que non ía poder chegar. Despois de poder competir, ir collendo minutos aos poucos, estou realmente contento. A pena son os resultados que estamos a ter".

Finalmente Escudero afirma que "hai que acabar a temporada da mellor maneira posible. Non nos podemos deixar ir. O equipo está a competir pero está a faltarnos non sei se chamalo concentración ou intensidade. Como se viu nestes partidos os goles foron na primeira parte. Temos que tentar corrixir estes detalles para as dúas últimas xornadas".

Pola súa banda, Yeremay, preguntado pola reacción dun sector da bancada de ABANCA-RIAZOR co conselleiro delegado Massimo Benassi, manifestou que "coñezo moi ben a Massimo como sabedes. O Dépor ten a persoa perfecta para levalo a Primera División. Está en mans dunha persoa moi intelixente, que non para de traballar. Coñézoo moi ben".

O atacante canario defíneo como "un traballador incrible. Non pensa noutra cousa que non sexa o Dépor. Escoitar 'que che vaias xa' ou cousas desas está mal. É normal que agora mesmo estea un pouco fodido pero o Dépor ten a persoa correcta para levalo a Primera División. Levabamos 4 anos en Primera RFEF, chegou el, subimos a Segunda División. O obxectivo era moi claro, non baixar. Conseguiuno. Cando non se logren os obxectivos calarei e non direi nada pero hai que ser un pouco agradecidos. Despois de 4 anos na merda, chega Massimo e subimos. E este ano quedámonos. Se o ano que vén pasa algo raro calarei e non direi nada. Estamos nunha situación moi, moi boa".

Finalmente admite que "o Granada CF veu con moitas ganas, cun adestrador novo. Polo que di algún compañeiro Pacheta é un adestrador espectacular, que enchufa aos seus xogadores. Non fixemos o noso mellor partido pero o Granada CF estivo moi ben, fixo un partido súper serio e mereceu a vitoria".