RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Estrella Galicia manterá a edición especial das camisetas do Dépor en homenaxe á hostalaría até final de temporada

Estrella Galicia decidiu alargar até o final da temporada do Dépor a súa ambiciosa campaña de apoio á hostalaría para tratar de revitalizar o sector após o peche destes últimos meses.

A cervexeira anunciaba hai unha semana que a lema “A las Barras, Resistencia” acompañaría ao RC Deportivo no seu regreso ao terreo de xogo no partido deste sábado contra a SD Ponferradina.

O equipo vestirá unha edición especial de camisetas na que aparecerán ademais os nomes dos locais de hostalaría máis emblemáticos da cidade. O obxectivo é visibilizar así o seu respaldo ao sector hostaleiro e animar aos consumidores a regresar ás barras. A acollida da afección a esta iniciativa foi moi positiva, polo que Estrella Galicia decidiu, en colaboración cos clubs, manter este equipamento desde esta xornada até o final da liga.

Esta acción vai acompañada dunha bancada virtual (alasbarrasresistencia.com) na que os afeccionados de cada equipo poderán participar en sorteos así como realizar achegas destinadas ás Asociacións de Hostaleiros da Coruña co fin apoiar distintas iniciativas que contribuirán á progresiva recuperación do sector en cada unha das cidades con equipos patrocinados por Estrella Galicia.