RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Eva Dios renova co Dépor ABANCA até 2025

Eva Dios Nieto (A Illa de Arousa, Pontevedra, 4 de Marzo de 2002) prolongou a súa vinculación co Deportivo ABANCA por unha temporada, até xuño de 2025.

A futbolista arousá incorporouse ao Deportivo ABANCA B no verán de 2020 procedente do Viajes Interrías FF, despois de comezar a súa traxectoria no Céltiga CF para, posteriormente, xogar no Portonovo SD e o Victoria FC de Santiago.

Con todo, pouco tardou en dar o salto ao primeiro equipo para xa non abandonalo. Desde o seu debut, o 31 de outubro de 2020 fronte ao Santa Teresa CD en Abegondo, Eva Dios xa suma 103 encontros oficiais coa camiseta branquiazul, que a converten na quinta xogadora con máis partidos na historia do Dépor ABANCA, só superada por Cris (202), Gaby (117), Iris (107) e Peke (106).

Eva Dios disputou 23 partidos en Primera Iberdrola, 71 en Primera Federación/Reto Iberdrola, 4 en playoff de ascenso a Liga F, 1 en playout de permanencia en Primera Federación e 4 en Copa de la Reina, nos que marcou 6 goles, 5 en Primera Federación/Reto Iberdrola e 1 en Copa de la Reina.

Medalla de bronce no Campionato de Europa de fútbol sala para persoas xordas disputado en Finlandia en 2018, onde ademais foi elixida o quinteto ideal do torneo, a xogadora branquiazul tamén se colgou a medalla de ouro en fútbol sala nos Xogos Sordolímpicos este mesmo ano, e foi internacional en fútbol 11 coas seleccións españolas sub-19 e sub-20.

A renovación de Eva Dios únese a outras xa confirmadas como as de Millene, tamén até xuño de 2025; Paula Gutiérrez, Cris Martínez, Samara, Yohana, Raquel García e Paula Monteagudo, todas elas até 2026; Carmen Carballada, até 2027, e Elena Vázquez, até 2028.