RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Exercicio de fe e agallas para aferrarse á Primera Iberdrola (2-1)

O Deportivo ABANCA tirou de fe e de agallas para impoñerse ao RCD Espanyol, un rival directo pola permanencia na Primera Iberdrola que se adiantou na primeira metade e ao que remontou nos segundos 45 minutos grazas aos goles de Peke e Alba Merino.

O conxunto branquiazul arrancou cunha marcha máis que o seu rival, achegándose con perigo nos primeiros minutos, nos que xerou un par de saques de esquina. No minuto 2, Athenea cazou o rexeite dun deles e a súa volea marchouse fóra, moi preto do recanto dereito do portal catalán. Un minuto despois, Blanco tratou de sorprender á gardameta espanyolista nunha falta desde 35 metros. O balón foise por riba do traveseiro.

Durante uns minutos a loita foi tremenda en mediocampo, coas defensas gañando claramente a batalla aos ataques. O equipo visitante non escatimou en accións anti-regulamentarias que unicamente foron castigadas con falta, nunca con amoestacións que quizá si merecesen.

E foi precisamente unha falta que non foi tal, preto da área de Sullastres, grazas á que o RCD Espanyol adiantouse no marcador. Baudet tentou disparar a porta pero golpeou a Gaby, que tentaba cortar o seu lanzamento. A colexiada indicou falta a pesar das protestas das xogadoras e da parroquia deportivista. A colombiana Vanegas colleu a pelota e colocouna en todo o recanto. O coiro entrou na portería despois de pegar na parte interior do pau esquerdo da portería dunha Sullastres que nada puido facer para impedir o tanto. Era a primeira chegada visitante nun cuarto de encontro.

O Deportivo ABANCA non acusou o golpe, aínda que o seu dominio tampouco foi tan claro como noutras ocasións. Pouco antes de cumprirse a media hora de xogo, as rapazas de Manu Sánchez tiveron dúas boas oportunidades. A primeira, nun contragolpe conducido por Athenea con apertura á esquerda para Eva Dios, que recortou cara a dentro para disparar co seu pé dereito. O seu tiro non colleu o efecto desexado e perdeuse lonxe do pau contrario da portería espanyolista. Na segunda, Cris non foi capaz de rematar con limpeza un balón que quedou solto botando ao bordo da área, completamente soa ante a gardameta Montse Quesada.

Athenea protagonizou unha das súas habituais accións individuais no minuto 34, cun slálom en perpendicular á frontal da área grande que concluiu cun disparo coa esquerda á dereita da portería visitante. No minuto 38, Peke tentou sorprender por alto, cun disparo bombeado, a Montse Quesada, que sacou a pelota a córner coa súa man dereita.

O RCD Espanyol soamente roldou os dominios de Sullastres no minuto 40, cando Anaïr empalmou un balón solto ao bordo da área, pero rematou desviado á esquerda do portal coruñés. A piques de cumprirse o tempo regulamentario, o Deportivo ABANCA volveu roldar o empate. Ainoa anticipouse á gardameta catalá para peitear unha falta afastada colgada por Blanco. O balón, coa portería desguarnecida, perdeuse á esquerda da mesma.

A segunda metade arrancou con saída en tromba do equipo herculino. Varias internadas de Athenea, con servizo á área que non atoparon rematadora, e un córner que se paseou por toda a área pequena e perdeuse polo lado contrario meteron o medo no corpo das xogadoras espanyolistas.

A fe e a maior insistencia en ataque das deportivistas atopou a súa recompensa no minuto 53, cando Ainoa recuperou un balón en campo contrario, abriu cara á dereita para Athenea cuxo centro ao primeiro pau atopou a cabeza de Peke, que se anticipou á súa marcadora e mandou o coiro ao fondo das mallas.

O RCD Espanyol non perdeu o pulso ao encontro e estivo a piques de volver adiantarse no electrónico após un contragolpe pola dereita de Anaïr, cuxo centro rematou Laura Fernández sacando achas do recanto esquerdo da portería herculina.

A vinte minutos do final, Manu Sánchez deu entrada a Lady Andrade por Eva Dios, co que o Dépor ABANCA xa xogaba con soamente as tres centrais en posición defensiva. Cris e Lady situábanse en ambos os custados pero sempre moi adiantadas.

O Deportivo ABANCA envorcouse en pos da vitoria, xa que o empate de pouco servía. E levouna grazas a unha acción a balón parado. Stephannie Blanco colgou unha falta á área e Gaby devolveuna de cabeza cara ao primeiro pau onde unha solitaria Alba Merino, tamén de cabeza, puxo o esférico lonxe do alcance de Montse Quesada. Corría o minuto 78.

Nos minutos finais, as branquiazuis tiveron que defender numerosas faltas colgadas á área pola formación visitante, case sempre con acerto. A mellor oportunidade tívoa a sueca Nicole Modin, após un deses centros que a defensa coruñesa non abortou. A dianteira escandinava rematou con todo a favor, aínda que non golpeou ben a pelota, e Cris puido desviar levemente o balón coa súa perna dereita a córner.

Con esta vitoria, a sétima da temporada, o Dépor ABANCA suma 24 puntos, 5 por baixo do Rayo Vallecano, equipo que marca a permanencia nestes momentos.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, Blanco, Iris, Villegas, Eva Dios (Lady Andrade, min. 70), Alba Merino, Ainoa, Gaby, Peke (Helena Torres, min. 89) e Athenea.

RCD Espanyol: Montse Quesada, Elba (Débora García, min. 68), Xènia, Vanegas, Sara Extremera, Anaïr, Letti (Modin, min. 75), Soldevila (Nicart, min. 75), Maya Yamamoto (Nora, min. 54), Baudet e Laura Fernández.

Goles: 0-1 Vanegas (min. 20); 1-1 Peke (min. 53); 2-1 Alba Merino (min. 78).

Árbitra: Rivera Olmedo (c. vasco). Cartón amarelo a Athenea (min. 50), Nicart (min. 77), Modin (min. 83) e Blanco (min. 90+2).

Incidencias: partido da 30ª xornada de Primera Iberdrola disputado en Abegondo con asistencia limitada a 150 espectadores debido á pandemia de COVID-19.